As Reservas da Biosfera das Mariñas Coruñesas e Illa do Príncipe irmándanse en Mariñán

Escalinata dos xardíns do pazo de Mariñán

O Pazo de Mariñán, en Bergondo, acolleu o pasado luns o acto de sinatura dun convenio de irmandamento entre as Reservas da Biosfera das Mariñas Coruñesas e Terras do Mandeo e a Illa do Príncipe, pertencente á República Democrática de Sao Tomé e Príncipe, un país africano formado por varias illas no Golfo de Guinea. O acto contou coa asistencia do presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, o alcalde de Abegondo e representante do órgano xestor da Reserva coruñesa, José Antonio Santiso Miramontes, e o presidente do Goberno Autónomo da Illa do Príncipe, José Cardoso Cassandra. Estiveron tamén presentes a alcaldesa de Bergondo, Alejandra Pérez Máquez e o alcalde de Paderne, César Longo Queijo, o director do CEIDA, Carlos Vales, e os xestores de ambas as dúas Reservas da Bisofera, Antonio Abreu e Jorge M. Blanco.

Un dos obxectivos deste protocolo internacional é o de compartir experiencias tanto de conservación da natureza como de desenvolvemento sustentable que poidan ser de utilidade en ambas as dúas Reservas da Biosfera.

A Illa do Príncipe ten unha superficie de 142 km2 e unha poboación de 7.324 habitantes. Foi declarada Reserva da Biosfera pola UNESCO en xullo de 2012. Pola súa banda, a Reserva da Biosfera das Mariñas Coruñesas e Terras do Mandeo, obtivo esta declaración en 2013. A Reserva abrangue a 17 concellos das comarcas de A Coruña e Betanzos (Abegondo, Aranga, Arteixo, Bergondo, Betanzos, Cambre, Carral, Coirós, Culleredo, Curtis, Miño, Irixoa, Oleiros, Oza-Cesuras, Paderne, Sada e Sobrado) cunha superficie total de 114.000 hectáreas na que residen unhas 190.000 persoas.