As outras uvas da comarca de Betanzos

Viñedo na volta do Penso, tras a ponte de madeira

Nos últimos anos sona con forza e mérito propio o nome do blanco lexítimo, a uva autóctona da nosa comarca, ao punto de que se está a convertir en sinónimo viño de Betanzos e branco lexítimo. Quedan atrás para o viño da comarca aqueles tempos en que era sinónimo de acidez insufrible para o estómago e purrela. Mais toda simplificación implica perda de matices e nos centenarios socalcos das ladeiras do Penso, o Mandeo ou Loureiros medran, aínda, outras moitas castas autóctonas, á sombra do nome que colleu o blanco lexítimo grazas ao extraordinario potencial que encerra.

Entre elas o seu irmán pequeño, o agudelo, que adoito aparece a carón do blanco lexítimo en proporción 30-70. Dicir agudelo é o mesmo que dicir chenin blanc, variedade de viño branco orixinaria do país de Anjou descrita xa no século IX. Estas uvas de tamaño medio, acios medianos e compactos e dourada carne terían chegado ao noso país cos monxes de Cluni, atraídos polo seu aroma afroitado e retrogusto seco.

Probablemente estivese o agudelo, xunto ao branco lexítimo, no viño que Colón embarcou para a súa viaxe a América, adquirido nesta comarca. Sería un viño onde tiña tamén importancia a uva que na comarca vitivinícola de Betanzos se chama roibal, denominada noutras partes do noso país merenzao. É unha vide resistente pero de curta produción, con acios pequenos e compactos e vagos pequenos e negro-azulados. O seu tamaño pequeneiro e a semellanza cos abruños fixo que en Portugal lle chamaran vinho abrunhal, sendo unha das variedades máis cultivadas para os célebres viños do Porto, xa desde que se identifica esta cepa na Idade Media.

Unha variedade recomendada na indicación xeográfica do Viño da Terra de Betanzos é tamén o brencellao, uva tinta dóce que noutras comarcas chámase albarello. É unha cepa que tamén resiste ben as enfermidades pero de produción modesta, con acios grandes e moi pouco compactos, de aspecto desgarbado con uvas medianas que tiran entre vermello e púrpura.

E na relación non pode faltar a mencía, a raíña das uvas tintas, cultivada no noso país desde que foi introducida polos romanos. Acios pequenos e compactos, uvas medias de pel grosa e carne branca son as características desta cepa que dá un viño apto para envellecer, a diferencia das anteriores.

Despois estarían todas as outras variedades introducidas na comarca para tratar de superar a terrorífica praga da filoxera que case cambia para sempre as paisaxes que rodean Betanzos e que admiraba Álvaro Cunqueiro e para garantir e incrementar a produción, a costa da identidade e singularidade dos caldos da comarca. A alicante, chamada noutras latitudes garnacha tintorera, usada para “pintar” os viños tintos e clarificalos. A jerez que dá uvas extremadamente dóces e que axuda, co extra de azucre que engade, a que o viño rompa a ferver tras a vendima. A produto, de calidade baixa pero gran producción de acios brancos, ou outras castas galegas traídas para facer I+D+i de andar por casa, como godellos, albariños e caíños.