Arco Iris tamén pide a dimisión de Santiso á fronte da Reserva

Gelo e Santiso Miramontes na canceira de Abegondo dependente do Consorcio

Logo de o BNG anunciar que presentará mocións en todos os concellos da Reserva da Biosfera pedindo a dimisión do presidente, José Antonio Santiso Miramontes, por supostamente dar licenzas de construción en solo rústico como alcalde de Abegondo, a asociación ecoloxista Arco Iris pediu tamén a “inmediata dimisión” como presidente da Reserva das Mariñas do alcalde de Abegondo polo PP.

A través dun comunicado, Arco Iris incide en que “os supostos delictos cometidos polo señor Santiso, como o de prevaricación”, de carácter “transversal”, e a súa “evidente entrada en confrontación cos obxectivos dunha reserva destas características”, fan “urxente” unha “alternativa razoable na presidencia da mesma”.

“Non se caracterizou a actuación de Santiso á fronte da Reserva das Mariñas precisamente pola transparencia e o diálogo, xa que marxinou do seu percorrido ás organizacións de defensa ambiental, marcando como único obxectivo da mesma a súa expansión territorial por case toda a provincia”, explicou Arco Iris, que acusa ao rexedor de buscar “de forma incesante e obsesiva utilizar” esta institución “como trampolín político e para deseñar unha rede clientelar de afectos, intereses e favores”.