O BNG demanda o peche do patio cuberto do CEIP de Aranga

Carlos Díaz é o portavoz do BNG de Aranga

Co inicio do curso aínda recente, o grupo nacionalista fixo hoxe públicas mediante comunicado de prensa as súas propostas para o CEIP da Castellana, única infraestrutura educativa existente en Aranga. Os nacionalistas, sen representación na Corporación, reprochan ao goberno local a falta de investimento no colexio, así como a súa falta de presión na Consellaría. O BNG chama a realizar obras de mellora no CEIP “con inmediatez”, que sirvan para corrixir un abandono de “décadas”.

O BNG leva tempo denunciando a falta de investimento público no CEIP da Castellana, o que está provocar un lento e inexorábel deterioro do colexio, que en nada axuda á recuperación da vitalidade demográfica do Concello. “É evidente que o colexio precisa reformas urxentes. Trátase dun edificio con 40 anos, sen apenas reformas desde a súa apertura”, recorda o portavoz do Bloque. Desde o BNG lamentan a inacción do goberno autonómico e da Xunta, ambos do PP e reclama do goberno local maior iniciativa para lograr o investimento que o CEIP da Castellana tanto necesita”.

“A Xunta non investe na infraestrutura e o goberno local parece entender que isto o exime de actuar: o goberno de Alberto Platas non incluiu un só euro para o colexio nos orzamentos de 2018, polo que é lexítimo dubidar que o goberno de Alberto Platas realice as obras nos próximos meses no CEIP da Castellana”, critican os nacionalistas.

Desde o BNG emprazan ao goberno local a “actuar xa” no tema e acometer as obras máis urxentes no colexio, tendo en conta, tal como figura na última Conta Xeral, que o Concello ten “máis dun millón de euros” nas tres contas bancarias de titularidade municipal.

“Pensamos que o goberno local pode e debe facer bastante máis. Hai recursos de sobra; o que falta é vontade e tesón. O goberno local non parece ser consciente de que sen servizos públicos de calidade, Aranga ten un futuro moi comprometido”, afirmou Díaz.

Concretamente, o BNG céntrase nunha reforma urxente que o Concello debería asumir de inmediato: “o custo de pechar con lonas o patio cuberto, antes da chegada do inverno”, entende o portavoz nacionalista.

Ademais, medio prazo, os nacionalistas entenden que hai máis obras que o Concello pode realizar na infraestrutura educativa, reclamando se for preciso a axuda da Xunta ou da Deputación, desde a mellora do illamento do edificio principal, o pintado das fachadas, até o acondicionamento do patio cuberto para protexer as cativas e os cativos do vento e a chuva, ou mesmo estudar a posibilidade de cubrir a zona do parque infantil cunha pérgola, para protexer esta zona de xogos, utilizada tamén fóra de horario escolar.

En definitiva, desde o BNG entenden que é urxente acometer obras a curto e medio prazo no CEIP da Castellana, reformas “vitais” para mellorar as prestacións dun servizo básico como é a educación e para frear a caída demográfica en Aranga, algo imparable se continúa esta “inacción exasperante” do goberno local, remata Díaz.