Animalistas alertan do maltrato a un cabalo en Abegondo

A asociación animalista Libera e a Fundación Franz Weber (FFW) á que está vinculada o deputado de En Marea Rubén Pérez alertan dun cabalo coas patas atadas no concello de Abegondo. Estas entidades denunciaron a situación na Consellería do Medio Rural, que asegurou que se desprazarían veterinarios para verificar o estado no que se atopa o cabalo.

As organizacións denunciantes recordan que as sancións por crueldade cos cabalos poden superar os 60 000 euros, “sen esquencer que esta especie debe estar obrigatoriamente identificada en base a un regulamento europeo incorporado á normativa da Xunta de Galicia, e mesmo se poderían esixir responsabilidades penais no caso de que o animal sufrise maltrato continuado”.

O concello de Abegondo asegurou que inspeccionarán a zona e adoptarán as medidas oportunas para que o dono o manteña nas condicións adecuadas.