Ana Miranda presenta en Bruxelas as iniciativas do BNG para recuperar o pazo de meirás e a loita contra o franquismo

Imaxe da participación de Ana Miranda na mesa redonda na Casa da Historia Europea de Bruxelas

A eurodeputada do BNG, Ana Miranda, explicou hoxe en Bruxelas as accións levadas a cabo polo Bloque Nacionalista Galego para acadar a recuperación do Pazo de Meirás, no marco dunha xornada organizada polo Observatorio Europeo de Memorias (EUROM) da Fundación Solidariedade da Universidade de Barcelona e a Casa da Historia Europea (HEH) e celebrada na Casa da Historia Europea.

“Nos últimos 40 anos foron numerosas as iniciativas desenvolvidas polo BNG para denunciar a situación do pazo de Meirás”, afirmou Ana Miranda na súa intervención, quen destacou que as máis recentes se refiren a visita que realizou unha delegación de eurodeputados e eurodeputadas, o pasado 4 de maio, quen reclamou que o Parlamento Europeo respalde o informe xurídico que avala a devolución do Pazo.

Precisamente a Deputación de A Coruña, a través da súa vicepresidenta Goretti Sanmartín, é a institución que creou a “Comisión Pro Devolución do Pazo de Meirás” e encargou un completo informe sobre o Pazo para aclarar a cadea de transmisión desde que este inmoble fora propiedade da escritora Emilia Pardo Bazán até que pasou a formar parte do patrimonio da familia Franco. O informe conta, asemade, como o pazo foi usado por Franco en calidade de xefe do Estado e nel se celebraron sucesivos consellos de ministros.

“Existe en Alemaña unha fundación Hitler? Non. Existe en Portugal unha fundación Salazar? Non. Existe en Italia unha fundación Musolini? Non. Pero en España si existe unha fundación Franco”, denunciou Ana Miranda. “Co cambio de Goberno, unha das primeiras accións que debería facer Patrimonio do Estado é executar medidas para acadar a súa devolución canto antes, pois está situación é anacrónica en Europa”, afirmou a eurodeputada galega, lembrando que a Vicepresidenta da Deputación de A Coruña xa pediu onte a Pedro Sánchez que decidide sobre este tema.

Denuncia no Parlamento Europeo

“Outras das accións levadas a cabo polo Bloque refírense á “ocupación” simbólica do pazo e a denuncia presentada contra a Fundación Francisco Franco na Comisión de Peticións do Parlamento Europeo por apoloxía do fascismo”, lembrou a eurodeputada nacionalista. Esta denuncia baséase no argumento de que os valores que defende este colectivo son contrarios á normativa europea en materia de dereitos humanos e os principios democráticos dun Estado Membro da UE, en tanto que se dedica a enxalzar a figura do ditador e a represión que se produciu ao longo da ditadura.

Xunto a Ana Miranda tamén participaron parte do grupo de Memoria Histórica do Parlamento Europeo, como o eurodeputado catalán Jordi Solé e a eurodeputada Ana Gomes, quen explicaron as diferentes situacións que sobre o fascismo existen na Península.