O alcalde de Sada pide unha reunión con Costas para esixir a rexeneración da praia

Vista aérea da beira mariña de Sada

O alcalde de Sada, Benito Portela, remitiu onte unha carta ao xefe da Demarcación de Costas de Galicia, Rafael Eimil, para solicitarlle unha reunión “o máis axiña posible” para trasladarlle o acordo subscrito pola Corporación no pleno celebrado o pasado martes. Neste Pleno Sadamaioría, PSOE, BNG e PDSP aprobaron unha enmenda a unha moción do PP que esixía renovar a licitación da obra sen máis dilación. Os grupos do Goberno e o PDSP opuxéronse á proposta do PP e defenderon reclamar a licitación urxente dun novo proxecto que supere a preceptiva avaliación ambiental e póidase executar “o máis axiña posible”.

O rexedor trasladará, polo tanto, a Eimil a petición de que se licite de forma urxente un novo proxecto de rexeneración da praia que, tras superar a avaliación ambiental, póidase executar no prazo máis breve posible. Cabe recordar que a licitación foi paralizada polas denuncias dos grupos ambientais sobre o impacto do proxecto de recheo da praia no ecosistema mariño da Ría de Betanzos, nomeadamente na pradeira de zoostera presente na praia de Sada. Ningún dos grupos da corporación sadense apoiou a estes colectivos, a pesar das alegacións presentadas polas confrarias de mariñeiros que consideraban que a extracción de area sería prexudicial para a cría do peixe.

A existencia da pradeira mariña non estaba recollida na declaración de impacto ambiental de 2010 e Costas obviou a súa existencia pese a que xa fora advertida en 2015 polos grupos ecoloxistas como a propia SGHN, a Plataforma en defensa da Ría de Sada e Betanzos ou Adega. A alegación da SGHN si foi acollida polo Ministerio de Medio Ambiente no segundo proceso de licitación pese a que se presentou fóra de prazo, un extremo no que incidió especialmente o PP durante o pleno, obviando que é o propio PP o que goberna no Ministerio.

Benito Portela reclamará tamén a firma dun convenio de reforma e rexeneración no bordo litoral e na fachada marítima

“O obxectivo do proxecto debe ser definir a mellora ambiental e a reforma e renovación da fachada marítima entre o Náutico e O Curruncho”, explicou onte o alcalde, que defendeu que “o conxunto do bordo do litoral debe ser entendido como un organismo territorial vivo e en equilibrio coa trama urbana e a praia. Portela incide en que ambas actuacións deben ser “prioritarias” polo seu “carácter estratéxico”.