O alcalde de Oleiros acusa na radio ao alcalde de Abegondo de presións aos traballadores do Consorcio

Santiso Miramontes (PP) é o alcalde de Abegondo e presidente do Consorcio das Mariñas

O alcalde de Oleiros, en resposta ao entrevistador dun programa de Onda Cero, acusou ao presidente, José Antonio Santiso, alcalde de Abegondo, de que nas eleccións sindicais que se celebrarán hoxe, para elixir aos representantes dos traballadores do servizo de recollida de lixo, estanse dando consignas para que se vote a unha determinada opción. “Estáselles dicindo por quen teñen que votar, xa que si non podería haber despedimentos. Eu dígolles que voten libremente porque non se vai a despedir a ninguén. A empresa aínda ten que contratar a máis persoal”, apostilou Gelo.

Estas declaracións producíronse dentro da tensión entre os dous mandatarios pola xestión e o control do Consorcio das Mariñas, que xestiona a recollida de lixo na comarca da Coruña e en varios concellos da de Betanzos -Betanzos, Abegondo e Bergondo-.

O rexedor oleirense aproveitou a súa habitual intervención radiofónica dos luns, hora despois da de Onda Cero, na Cadea Cope para denunciar que a entidade supramunicipal é un “desmadre total”, á vez que considera “lamentable” que se aprazara unha reunión, prevista para o pasado venres, día 11, porque non estaban presentes todos os alcaldes dos municipios que a integran.

Á reunión non acudiría o mesmo Gelo e pode que tampouco puidera acudir o alcalde de Betanzos, Ramón García, por motivos persoais.

“Polo tanto, o Consorcio buscará outra data para este encontro co obxectivo de que os oito alcaldes poidan asistir, abordar con profundidade todos os asuntos de relevancia, e acordar conjuntamente a solución de futuro do ente metropolitano”, engadían desde a entidade, presidida por Santiso Miramontes (PP)

A importancia desta reunión deriva do feito de que Oleiros reclama que sexa o seu interventor o que fiscalice a xestión económica da entidade, xa que se atopa adscrito a este Concello.