O alcalde de Miño perde outro xuízo contra unha edila do PSOE

Oroza coa deputada de En Marea Yolanda Díaz

O Xulgado de Instrución número 1 de Betanzos arquivou a denuncia que interpuxo o alcalde de Miño, Ricardo Sánchez, ao seu excompañera de partido, a socialista Emma González, á que xa denunciara sen éxito por ameazas. O PSOE fixo público o auto do xulgado, que rexeita unha denuncia do rexedor contra a edil na súa calidade de avogada por un suposto delito de revelación de segredos.

Segundo informan os socialistas, Ricardo Sánchez pedía ata catro anos de cárcere e a inhabilitación para o desempeño da súa profesión. Os feitos que lle valeron a Emma González esta denuncia remóntanse ao tempo en que Ricardo Sánchez militaba nas filas socialistas. O agora alcalde, arquitecto de profesión, redactou un proxecto de rehabilitación dunha vivenda dun familiar da edil Catalina Morado e tempo despois presentou unha reclamación pola vía xudicial para cobrar os honorarios e acusou a Emma González de revelar información que lle facilitou en calidade de letrada.

O xulgado aceptou as explicacións de Emma González, que atribuíu a denuncia a intereses políticos e enmarcou os feitos polos que Sánchez pide a súa imputación nun contexto de “amigos e compañeiros da agrupación baseados en relacións de confianza”. A xuíz dá por válidas as súas explicacións e arquiva a denuncia ao entender que “os feitos non teñen a entidade suficiente como para encadrarse nun delito de revelación de segredos”.

Os socialistas lamentaron onte a “particular cruzada nos xulgados” do alcalde “contra todo o que lle recorde o seu pasado nas filas socialistas”. O PSOE recorda que os xulgados xa arquivaron a denuncia de Sánchez contra Emma González e outros militantes do partido por supostas ameazas e coaccións a raíz de resultar eleito alcalde Sánchez Oroza cos votos do PP tras encabezar a candidatura de CxG e critican que porfíe con outra demanda na que pedía ata catro anos de prisión para a súa exocompañeira de filas. A formación acusa ao alcalde de facer un uso “espurio, mezquino e torticeiro da xustiza” e pídelle que dedique ese tempo a “traballar polo pobo”.