O alcalde de Miño arremete contra a Deputación por non cederlle o vial da praia grande

A praia grande de Miño e o esteiro do Baxoi, coa estrada separándoos

O alcalde de Miño, Ricardo Sánchez Oroza, criticou onte o “atraso inxustificado” da cesión da estrada que pasa a carón da praia Grande do municipio e remata en Pontedeume. Segundo o rexedor, o presidente da Deputación, Valentín González Formoso, “comprometeuse de palabra” en setembro de 2016 a ceder este tramo do vial provincial.

O goberno local demanda que se ceda o treito do vial que discorre en paralelo ao areal. O Concello, en quebra técnica debido á débeda da sentenza de Costa Miño Golf e os xuros que xenera o empréstito de 12 millóns solicitado para pagala, tería que asumir o mantemento do vial. E obrigaría á Deputación a separar en dous treitos esta vía, a DP-4803, que arranca no inicio do areal e desemboca en Pontedeume cruzando Perbes, Ber, Boebre e Centroña.

Segundo o executivo de coalición que conforma o PP co exedil de CxG- agora independente afín a En Marea-, a vía é  “de vital interese para os veciños”. En realidade o control do vial é imprescindible para o goberno local poder levar adiante a construción doutra macrourbanización no monte Piñeiro e para poder implantar a ORA en toda a recta que fai esta vía contra o areal e a marisma do Baxoi.

O alcalde cualifica de “lamentable” que a Deputación siga sen aprobar a cesión “case dous anos logo de iniciar as conversacións” e expresa as súas sospeitas de que o atraso obedece a “xogos partidistas”. O executivo local asegura que “é lamentable que case dous anos despois de iniciar as conversas co presidente e mais de un ano e medio despois de tramitar o expediente aínda nos atopemos así”. O alcalde sinalou que a semana pasada solicitou unha reunión urxente co presidente para abordar este asunto así como para coñecer a financiación que a Deputación comprometeu publicamente para a mellora do campo de fútbol de Gallamonde.