O alcalde de Miño anuncia que convocará protestas contra o presidente da Deputación

Ricardo Sánchez Oroza, alcalde de Miño

O alcalde de Miño, Ricardo Sánchez, acusou onte á Deputación de manter unha “marxinación total” cara ao seu municipio por negarse a recibilo para abordar diferentes proxectos relacionados coa localidade. Sánchez destacou que espera desde o 9 de xullo a que o presidente do organismo provincial, Valentín González Formoso, responda á súa solicitude dunha reunión urxente, o que interpreta como unha actitude “inadmisible para un representante público” e que considera derivada dun interese político, polo que prevé convocar actos de protesta nos próximos días.

O alcalde pretendía falar con Formoso da reforma do campo de fútbol de Gallamonde, comprometida polo propio presidente da Deputación nos medios de comunicación, así como a cesión da estrada da praia Grande, tamén prometida por Formoso, en 2016 e que o Concello estima necesaria para a ordenación do aparcamento na zona e reformular a conexión do núcleo de Miño coas comunicacións xerais.