O alcalde de Abegondo, Santiso Miramontes, irá a xuizo este mes por prevaricación urbanística continuada

Santiso Miramontes (PP) actual alcalde de Abegondo

O Xulgado do Penal ordenou abrir xuízo oral contra o alcalde de Abegondo, José Antonio Santiso, acusado dun presunto delito continuado de prevaricación urbanística por permitir a construción de decenas de vivendas entre 2002 e 2007 en solo rústico no lugar da Fraga, en Limiñón, causa pola que están tamén imputadas outras nove persoas. O xuízo comezará esta semana e prevese que o alcalde abegondés declare para próxima. Once anos despois de que un veciño denunciase comezará o xuízo.

A urbanización na Fraga, en Limiñón, construída en solo rústico, foi denunciada en 2007 por un veciño. En 2008, a Fiscalía denunciou por prevaricación a dous Gobernos municipais abegondeses. En 2011, a só nove días das eleccións municipais que Santiso gañou por maioría absoluta, a maxistrada do Xulgado número 2 de Betanzos decidiu arquivar a causa o entender que non existían indicios suficientes contra Santiso. Meses despois imputoulle outra vez tras admitir os recursos presentados polo Ministerio Fiscal e as acusacións particulares.

O alcalde abegondés defende a súa inocencia e celebra que o xuízo vaia a concluír por fin o proceso aberto fai máis dunha década. “Estou desexando que se celebre o xuízo para que finalice o proceso”, asegurou onte o alcalde, a través do responsable de prensa. O regidor afirmou: “Como mantiven sempre, xamais tomei unha decisión cun informe técnico ou xurídico negativo”.

A Fiscalía, ademais das penas que solicita para os acusados, sostén que “procede a demolición de todo o construído levando a término cantas actuacións resulten necesarias para devolver os terreos ao seu primitivo estado”. O Ministerio Fiscal defende tamén que “procede declarar a nulidade das licenzas concedidas en relación coas construcións a que se refiren os expedientes”. En canto á responsabilidade civil, reclama que os acusados se fagan cargo de forma directa e solidaria “do custo das demoliciones das obras que pola súa intervención puidesen levarse a cabo e de cantos prexuízos puidesen acreditarse pola restitución ao seu primitivo estado dos terreos”, ademais de abonar as costas do proceso.

Imputados o alclade e outras 9 persoas

Os imputados son o alcalde, José Antonio Santiso; o exalcalde, Juan José Rocha (Agrupación Progresista de Culleredo, APdeA); Carlos Santiago Soto, exconcejal de Obras e Servizos con APdeA; Antonio Fernández Fernández, exconcejal do PP; José Roel Naveira, exedil do PP; Eduardo Giménez Domínguez, exconcejal do PP; Genma Salgado Pérez, exedil de APdeA; Antonio Carro Núñez, arquitecto técnico de 1998 a 2003; Cristina Ballón López, arquitecta en 2004; e Manuel Cortón Muinelo, arquitecto técnico desde 2005 ata, polo menos, a data dos feitos. O Xulgado de Instrución número 2 de Betanzos acordou, antes de remitir o caso ao Xulgado do Penal da Coruña, o sobreseimiento provisional da causa respecto de Alberto Bermúdez Fandiño, arquitecto que traballou para o Concello e para o despacho de Antonio Carro; e a Juan Carlos Ares Méndez, arquitecto que se dedicaba a reformas.

Están acusados de delito continuado de prevaricación urbanística, nuns casos por informar a favor de obras ilegais e, noutros, por apoiar cos seus votos nas sesións de Xunta de Goberno Local as licenzas irregulares para construír as vivendas.

O Ministerio público pide para todos os imputados a inhabilitación para traballar en ámbitos relacionados coa xestión local ou a construción e para algúns, multas ou cárcere. A pena máis elevada solicítaa para José Antonio Santiso, Carlos Santiago Soto, Juan José Rocha, Antonio Fernández: dous anos de cárcere e inhabilitación para o sufragio pasivo e dez de inhabilitación especial para o exercicio de cargo ou emprego público no ámbito local e outros relacionados coa construción. Case idéntica -omite a inhabilitación para cargo ou emprego local- é a condena que pide para Antonio Carro Núñez. Para Manuel Cortón Muinelo, Eduardo Giménez Domínguez e Genma Salgado Pérez, Fiscalía solicita nove anos de inhabilitación e un ano e seis meses de cárcere -que non cumprirán por non ter antecedentes penais-.

O PP afirma que Santiso non está afiliado desde o 2009 pese a presentarse as eleccións coas súas siglas

Pese a concorrer desde fai anos á fronte do PP, José Antonio Santiso Miramontes solicitou a baixa do partido en 2009, cando lideró a moción de censura coa que arrebatou a Alcaldía a Juan José Rocha, que abandonara o PP logo de saír elixido Santiso como cabeza de lista dos populares para as anteriores municipais.

Ao non estar no partido, a dirección provincial do PP asegurar que “a nivel de estatutos non se pode facer nada”. O PP da Coruña sostén que xa se produciron situacións similares e confía en que se resolva pronto”. O alcalde, polo de agora, eludiu falar de dimisión.