O PP saca adiante, coa abstención da Marea e AxA, o novo urbanismo abegondés

Os votos do PP bastaron para sacar adiante as normas provisionais do urbanismo que rexerán en Abegondo desde que o Supremo tumbase o PXOM de 2012 ata que Concello e Xunta aproben un novo plan xeral. A oposición non atopou motivos para votar contra o proxecto urbanístico do goberno de Santiso Miramontes malia o ruído rexistrado na sesión plenaria.

Alternativa por Abegondo (AxA) baseou a súa abstención nas dúbidas de que sexa legal aplicar no caso de Abegondo a lei que prevé o desenvolvemento de normas provisionais. Foro Veciñal-Son, a marca local da Marea, simplemente chegou a reprochar a falta de información pública neste procedemento.

O PP asegurou que a normativa foi tramitada seguindo as instrucións da Xunta e a sentenza do Tribunal Supremo que anulou o Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM) aprobado en 2012.