O único equipo de fútbol feminino planta a gala deportiva de Abegondo

Un partido do Betanzos C.F. feminino. Imaxe do clube

Están en auxe as galas deportivas nos concellos galegos. Se hai uns días era Betanzos quen celebraba a súa, o pasado sábado tocoulle turno a Abegondo. O goberno local organizaba a VI Gala de Fútbol Feminino conxuntamente coa Revista do Fútbol Feminino Galego.

O único equipo actual de fútbol feminino federado de Abegondo, o CF Crendes, plantou a gala a causa das “discrepancias do club co alcalde, José Antonio Santiso Miramontes, causadas polas trabas que o rexedor pon para que o clube poida subsistir”, segundo traslada o concelleiro de Alternativa por Abegondo (AxA) Javier Rodríguez Souto.

O edil afirma que as xogadoras mostran o seu rexeitamento ás “formas escuras e caciquís do alcalde á fronte do Concello”. En consecuencia, plantaron a gala do pasado sábado. O Crendes tivo problemas para competir na liga galega e o que sinten como falta de apoio do alcalde podería estar detrás do plante.