Fiscalía demanda o derribo das vivendas ilegais de Abegondo

José Antonio Santiso Miramontes é o alcalde de Abegondo

A Fiscalía renunciou a recorrer a sentenza que absolveu a Santiso Miramontes pero condenou ao seu sucesor na alcaldía, Juan José Rocha Carro, e tres técnicos por prevaricación urbanística continuada, pola construción de deceas de vivendas en solo rústico en Limiñón e Cos. Porén, o Ministerio Público si que demanda a demolición destas vivendas construídas de modo ilegal, dentro do “pelotazo urbanístico”.

O Ministerio Fiscal, que no seu momento pedira unha aclaración do fallo xudicial, renuncia a recorrer a sentenza ao dar por bo o fallo do xuíz e a súa lectura dos feitos probados, por entender que as vivendas se executaron dentro dun proceso no que se parcelou, vendeu e construíu de modo irregular no municipio. No fallo, que deu coa condea do exalcalde Juan José Rocha (PP, e logo APA) e tres técnicos, mentres que resultou absolto o actual e anterior alcalde, José Antonio Santiso (PP), xunto a outros cinco acusados ao non poder probarse que coñecesen a ilegalidade das licenzas que autorizaron conceder cos seus votos en varias Xuntas de Goberno local. A ausencia de informes escritos do anterior secretario municipal resultou trascendental para isto.

O propio xuíz botou en falta no xuízo a orixe do proceso. A fiscal sostivo na sala que tres concelleiros compraran e parcelaran o monte de Limiñón no que se creou “a urbanizacioncita”, pero non os incluíu na causa, a pesar de que “a través da súa relación directa cos concelleiros acusados podía acreditarse a falta de neutralidade do Goberno de Abegondo”, sinalou o maxistrado. O “pelotazo urbanístico” ameaza con deixar agora a decenas de veciños sen as súas casas en Limiñón, Cos e Crendes.