Abegondo aprobará o 22 as normas urbanísticas provisionais

Imaxe da proposta do goberno para ordenar a zona do Centro de Abegondo

Logo de anular a Xustiza o PXOM o pasado ano, e de que anulase tamén con anterioridade as normas subsidiarias de 1996, Abegondo substituirá as normas subsidiarias de 1991 por un Instrumento de Ordenación Provisional (IOP), un documento que dará ao municipio unha ordenación urbanística mínima mentres un equipo técnico contratado elabora un novo plan xeral.

O goberno local levará o asunto ao pleno o vindeiro día 22, para aprobación inicial. Os votos do PP garanten que vaia sair adiante o documento, que logo pasará por unha exposición pública durante vinte días e o Concello ademais notificará este acordo a todos os propietarios de parcelas afectadas por este plan, máis de 9.300 terreos propiedade de máis de 5.000 veciños.

O alcalde de Abegondo, José Santiso, destacou que con este plan provisional evítase unha “paralización da construción no municipio” mentres se redacta un novo plan xeral.