A Xunta pagará unha senda peonil en Abegondo a carón da AC-542

A capela de San Marcos, na capital de Abegondo e á beira da AC-542

A Consellería de Infraestruturas continúa co seu reparto de fondos a municipios gobernados polo PP de cara ás municipais do vindeiro maio e a Abegondo tocoulle en sorte unha senda peonil na estrada que une Betanzos co Mesón do Bento, a AC-542, entre San Marcos e Montouto.

Onte rexedor e conselleira asinaron o convenio polo que a Xunta financiará as obras e o Concello pon os terreos e manterá a senda. O proxecto consistirá na creación dunha senda peatonal en aglomerado asfáltico, de 1,5 metros de ancho, nun tramo de 389 metros, entre os puntos kilométricos 12,067 e 12,456, onde a estrada carece de espazo reservado para o tránsito dos peóns. Así, darase continuidade á fase executada polo Concello en 2017.

A actuación completarase coa instalación dunha beiravía revestida de formigón armado, de 1,25 metros de ancho, e a rede de recollida de augas pluviais cunha tubería de PVC. Esta rede terá os seus pozos de rexistro e sumidoiro. O investimento previsto será de 46.626 euros, que financiará a Consellería de Infraestruturas.