A Xunta ultima os trámites para autorizar o xeriátrico privado de Oza, que pecha a porta a rehabilitar o Sanatorio

O proxecto supón abandonar definitivamente reconvertir o sanatorio do Paraxón nun xeriátrico público como prometeu o PP durante a fusión de Oza e Cesuras

A Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo emitiu o informe previo á autorización definitiva do plan especial de equipamiento en chan rústico que amparará a construción dun xeriátrico privado previsto no alto de Porzomillos, en Oza-Cesuras. As últimas autorizacións autonómicas chegan dous anos despois de que o Concello asinase un convenio coa empresa, en virtude do cal o Concello comprometíase a recalificar os terreos e a xestionar as autorizacións a cambio de que a empresa crease unha bolsa de emprego para que tivesen prioridade os veciños do municipio.

Tanto o emprazamento como o seu carácter privado motivaron oposición ao proxecto, que xa anunciara o anterior alcalde e sogro do actual rexedor en 2003, e que naquela altura promovía tamén Lucus Residencial. O BNG presentou un recurso polas implicacións  ambientais da reclasificación dos 24 981 metros cadrados de solo rústico, as dotacións de servizos e por considerar que promover este xeriátrico privado supón a renuncia implícita a unha dos principais “premios” pola fusión de Oza dos Ríos e Cesuras: a rehabilitación do antigo sanatario de tuberculosos do Paraxón como centro de día e residencia pública.

A conversión do edificio de González Villar en xeriátrico público foi comprometido pola Xunta para impulsar e vender as bondades dos dous municipios e mesmo chegaron a presentar planos do anteproxecto. En contra do mantido durante o proceso de fusión, o goberno municipal do PP pasou a soster, desde 2015, que o antigo sanatorio non podía recuperarse para fins asistenciais porque os terreos foran cedidos por parte do Estado “coa condición de que sexa destinado á creación dun parque público municipal e á conservación e defensa da súa masa arbórea, creación no edificio dun centro municipal de extensión cultural e educativa e establecemento no seu recinto de instalacións deportivas permanentes para uso dos veciños”. Esa “creación dun parque público municipal e á conservación e defensa da súa masa arbórea” non impediu, porén, que o goberno local adxudicase unha controvertida tala do parque forestal á empresa da familia dun edil do PP.

O plan especial para o xeriátrico que promueve Lucus Residencial foi aprobado provisionalmente pola Xunta de goberno local o pasado 10 de agosto e recibiu finalmente o informe favorable da Axencia Galega de Infraestruturas tras ampliar o viario de conexión coa estrada autonómica. O Instituto de Estudos do Territorio tamén autorizou o proxecto tras introducir os promotores certos cambios para reducir o impacto na contorna.