A venda de vivendas estáncase na comarca

Rúa Doutor José Fariña

Con varios concellos da comarca elaborando plans urbanísticos onde se prevé un crecemento da demanda de vivenda e a necesidade de construír máis inmobles sería lóxico pensar que o movemento do mercado acompaña as previsións de executivos municipais e consultoras urbanísticas. Pero o certo é que o negocio non repunta na comarca a xulgar polos datos de transmisións de vivenda publicados polo Instituto Galego de Estatística (IGE), que botan por terra as previsións dos munícipes e as expectativas dos promotores inmobiliarios.

Nove concellos do ámbito de influencia de Betanzos non rexistraron unha soa transacción de vivenda libre desde 2016. Son Abegondo, Aranga, Coirós, Irixoa, Monfero, Oza-Cesuras, Paderne, Vilarmaior y Vilasantar. Coirós ten o contador a cero desde 2014, Vilarmaior tivo só cinco transaccións en 14 anos- desde que o INE inaugurou as estatísticas neste ámbito- e Vilasantar ostenta o récord provincial, ao contar tan só unha venda de vivenda nova en 14 anos, e xa no lonxano 2012.

Destacan, ademais, dous casos de municipios que o fiaron todo ao desenvolvemento urbanístico. O convulso urbanismo abegondés non atopa quen o queira, a xulgar polas discretas cifras de transaccións, 23 o pasado ano. Oza-Cesuras, que baseaba a viabilidade da súa fusión precismente en atraer nova poboación, tampouco vende vivenda libre nova desde 2015.

Destes movementos discretos non se salvan nin vilas nin a cabeceira comarcal. Betanzos tan só rexistrou unha transacción de vivenda nova en todo o 2017. Eran só 6 as vendas deste tipo no 2016, o que indica que o mercado continúa aínda contraéndose na capital comarcal.

É o sentido contrario da tendencia en Miño. A venda de saldo en Costa Miño Golf está tendo un efecto chamada. Das 7 ventas de vivenda libre nova no 2016 pasáronse a 10 o ano pasado. No que vai de 2018, súmanse dúas máis, segundo o IGE. Sada rexistrou as mesmas 23 transaccións de vivenda nova os últimos dous anos, pero a falta duns días para pechar 2018, as cifras caen a 13.

As discretas cifras de mobilización do parque inmobiliario construído contrastan co stock. Así, no caso de Betanzos, practicamente un 26% das vivendas construídas están baleiras, o que non se traduce nun incremento de vendas por haber unha oferta en proporción aos inmobles baleiros existentes. Podería dicirse que a pesar da crise, a especulación continúa.