A neve alcanzou de novo onte a comarca

Neve no concello de Coirós

Unha vez máis no interior da comarca betanceira amaneceu onte nevado e obrigou a interromper a circulación de camións e articulados durante máis dunha hora na A-6. A medida afectou a ambos sentidos da Autovía do Noroeste entre os municipios de Outeiro de Rei (Lugo) e Coirós. Entre as 09.30 e as 11.00 estivo prácticamente cortada, en Coirós formouse unha longa cola de camións estacionados nunha das marxes da N-VI.
Ademais de na autovía, na comarca a prohibición afectou tamén á N-634 entre os quilómetros 657, na Castellana, en Aranga, e o 535 en Teixeiro (Curtis), onde tamén houbo que habilitar puntos para de camións, informou a Dirección Xeral de Tráfico (DGT), que decidiu establecer o nivel amarelo.
A Garda Civil de Tráfico, que despregou un amplo dispositivo, obrigou a parar aos camións que estaban circulando neses momentos en vías mencionadas á espera de que as condicións meteorolóxicas mellorasen e de que actuasen as quitaneves.
Case ao mesmo tempo, o Concello de Curtis, de novo un dos máis afectados polo temporal, pedía “a máxima precaución na circulación polas estradas do municipio, con neve e xeo” incidindo especialmente na contorna do Polígono de Teixeiro.

Previsión
Para hoxe martes, a predicción do servizo de MeteoGalicia sinala que a cota de neve elevarase aos 1.200 metros e as temperaturas, tanto mínimas como máximas, experimentarán un lixeiro ascenso en todo o País.