A nevarada obriga a cortar a autovía entre Coirós e Montesalgueiro

Autovía do Noroeste á altura de Coirós

A Garda Civil de Tráfico decidiu cortar, a primeiras horas desta mañá, o tránsito na autovía do noroeste entre Coirós e Montesalgueiro a consecuencia da intensa nevarada rexistrada esta noite e a primeiras horas da mañá. Unha parte da circulación é desviada, con cautelas, pola antiga estrada N-VI, para proseguir en dirección Lugo, mentres que os convois pesados están parados nas beiravías e na área de servizo de Coirós, ao pé do polígono industrial.

Cara A Coruña o tránsito continúa, moi lento e cauteloso, o que non ten evitado que haxa accidentes a consecuencia das capas de xeo. Os camións están retidos pero os turismos poden transitar detrás das máquinas quitaneves. A nevarada faise especialmente copiosa en torno á Costa do Sal. Os axentes demandan cautela ao volante e adiar, na medida do posible, os desprazamentos por esta zona.

Incidencias nos colexios da comarca

Docentes atoados nas retencións e transporte escolar suspendido son a outra cara da xornada, con incidencias en boa parte dos centros escolares da comarca, sobre todo os que acollen o alumnado dos municipios da montaña betanceira.