A Garda Civil intensifica os controis na AC-840 para reducir a sinistralidade

A estrada AC-840

A Garda Civil de Tráfico reforzou a pasada fin de semana os controis na C-840 entre Betanzos e Agolada, ao seu paso por Oza-Cesuras, Curtis e Melide, co fin de reducir a sinistralidade. A finalidade é tratar así de evitar as terribles consecuencias de sinistros con vítimas mortais como o ocorrido o pasado 15 de decembro no que un turismo batiu contra un camión en Trasanquelos e no que faleceu unha muller, ou o máis recente sucedido o 16 de xaneiro no que un home de 57 anos faleceu pola colisión frontal entre dous turismos.

Segundo o instituto armado, tras a fin de semana suman 40 denuncias en materia de seguridade vial, con doce positivos por alcol e drogas ao volante. Tamén se detectou un condutor que carecía de permiso de condución, polo que se lle instruíron dilixencias para a celebración dun xuízo rápido. O sector de Tráfico da Garda Civil en Galicia explica que intensificou a súa presenza na estrada AC-840 co obxectivo de evitar os graves accidentes de circulación que se rexistraron nos últimos meses nesta vía, con dous falecidos por accidentes de tráfico no último mes. Un incremento da vixilancia que terá unha duración indeterminada no tempo, segundo avanzan desde Tráfico.

 

Ademais da vixilancia e control, os equipos de “Atestados e Informes” da Garda Civil elaboraron diversos informes de mellora da vía. Trátase de propostas de mellora da infraestructura que poden contribuír a reducir os sinistros na zona.