A XVI Bienal Balconadas permanecerá no Casco Histórico ata o 28 de agosto

Balconadas

As rúas do Casco Histórico convértense en museo ao aire libre coa Bienal de Balconadas, que este ano acada a súa XVI edición e hoxe levanta o pano. O certame recibiu este ano máis de 140 obras. Unha vez concluído o prazo de presentación de obras, o pasado día 30 de xuño, o Concello iniciou os traballos para colgar as balconadas nas fachadas dos edificios do Casco Histórico.

As obras, na súa maior parte, proceden das catro provincias galegas, aínda que tamén hai presenza de obras doutras nacións coma Pais Vasco e Cataluña, de diversas comunidades autónomas (Madrid, Asturias, Andalucía, Canarias, Valencia, Castela León, e Estremadura) e mesmo procedentes de países como Suecia, Holanda, Arxentina, Xapón, Uruguai, Italia, Francia e Estados Unidos.

Na edición deste ano establecerase un primeiro premio indivisible, dotado con 5000€, e dous accésits dotados cada un deles con 1500€. A entrega de premios será o 13 de agosto. O xurado terá o poder de outorgar tamén ata cinco Mencións de Honra se o estima oportuno, as cales non levarán asociado ningún premio económico, pero si un diploma acreditativo. O xurado, que elixirá o gañador o próximo día 27 deste mes, valorará a adecuación da obra á súa contorna expositiva pola súa técnica, temática e orixinalidade.

Cada artista puido presentar unha soa obra para a súa selección con técnica e temática libre. A realización podía ser vertical ou horizontal, cunhas medidas mínimas de 120×160 cm. e máximas de 150×250 cm. O xurado, composto por distintas personalidades do mundo da arte, farase público con anterioridade á súa reunión, no taboleiro de anuncios e na páxina web do Concello (www.betanzos.net). As obras estarán expostas ata o 28 de agosto nos balcóns das rúas de Betanzos, reservándose a Dirección da Bienal a decisión de aumentar o tempo de exposición. A entrega de premios será o 13 de agosto.