A Xunta non adquirirá a Casa Gótica

Un instante da visita ás obras no Casco Histórico. Imaxe da Xunta

Non estaba no guión da visita que a conselleira de Vivenda fixo onte ao Casco Histórico acompañada do goberno local e de edís do PP pero colouse. Ao punto de eclipsar unha visita rotineira. A exconselleira de Medio Rural confirmou o que anticipara a súa predecesora, a Xunta non comprará inmobles con cargas pendentes. E como a Casa Gótica ten cargas, por non pagar varias multas coercitivas o seu propietario, non entrará no lote.

As multas foron impostas polo goberno local para forzar ao propietario a cumprir coas ordes de execución que obrigaban a repoñer o inmoble no seu estado orixinal. O impago motivou que estean en vía executiva, como o goberno local informou hai meses. Este detalle frustra que poida ser comprada polo goberno galego.

A titular de Vivenda explicou que a Xunta confía en resolver o concurso de compra de seis inmobles máis na zona monumental betanceira no próximo mes de novembro. E confirmou que o dono da Casa Gótica non procedeu ao pago das sancións pendentes, segundo fontes municipais, se ben o feito de ter pendente varias sancións administrativas parece apuntar a que a rehabilitación da construción terá que esperar.

Sinatura do novo convenio para a ARCH

O Concello de Betanzos é un dos 35 municipios que o pasado venres asinou os convenios de colaboración para executar os investimentos nas Áreas de Rehabilitación Integral, recordou a conselleira. No caso concreto de Betanzos contará con 432 000 euros para recuperar a ARI do conxunto histórico e a súa área de protección; investimentos que se suman aos case 145 000 euros pendentes de convocatorias anteriores, é dicir, un investimento total de 600 000 euros.

Área de Rehabilitación dos Camiños de Santiago

A conselleira tamén destacou que dúas parroquias de Betanzos, Requián e Tiobre, están incluídas na Área de Rehabilitación dos Camiños de Santiago, polo que tamén se pode beneficiar das axudas que establece a orde para a rehabilitación de inmobles na que se ten reservado un importe de 2,8 millóns de euros. Indicou que ao longo das vindeiras semana o Instituto Galego de Vivenda e Solo analizará as solicitudes para a súa resolución.