A Xunta inicia o tramite para declarar BIC o Pasatempo

Visita do BNG coa asociación de amigos do Pasatempo

A Consellería de Cultura confirmou que a solicitude de declaración de BIC do parque do Pasatempo foi admitida a trámite. Despois de realizar os labores previos a Dirección Xeral do Patrimonio Cultural, acordou a incoación do procedemento de declaración de Ben de Interese Cultural do Parque do Pasatempo, pendente agora da súa publicación no Diario Oficial de Galicia e no BOE.

A solicitude de declaración BIC foi presentada o 17 de marzo de 2017. O inicio do expediente fai que o Pasatempo teña a consideración de Ben de Interese Cultural desde este momento.

Esta declaración, ademais do grao de Protección que establece, era unha das condicións establecidas pola Xunta, como así llo trasladou o presidente, Núñez Feijoo ao alcalde nunha reunión mantida por ambos en Santiago, para que o executivo galego achegase unha cantidade económica para a rehabilitación da parte histórica do parque que se sumase á que destinará a Deputación e o propio Concello.

O BNG esixe medidas concretas conservación do Pasatempo

Desde o BNG alegráronse desta noticia “que avanza no bo camiño para a protección do noso patrimonio”. “Sen dúbida, é unha boa noticia. Agora esperamos que o PP poña os cartos para a rehabilitación do Parque. Xa non teñen escusa”, declarou o portavoz municipal do BNG, Henrique del Río.

“Non podemos agardar máis. Levamos anos pedindo compromisos reais, e non anuncios do que se pretende facer. A realidade que temos sobre a mesa é a oferta da Deputación de 600.000 €, que só será efectiva se a Xunta inviste outro tanto e o Concello aposta de vez por conservar o Parque.”

As nacionalistas esixen medidas urxentes e concretas, porque como di o seu portavoz, Henrique del Río “a declaración de BIC por si mesma de pouco vale. Só hai que mirar para o centro histórico, declarado BIC hai década, e ver o seu estado actual”.

Felicitacións ao movemento social que traballou por esta declaración

Desde o BNG, que aproveitou para felicitar polo conseguido a todas as persoas e colectivos que colaboraron nesta demanda, chaman agora a traballar para asegurar a conservación das estruturas do parque, con medidas concretas e urxentes que eviten danos irreparábeis.