A Xunta inclúe no catálogo de patrimonio Villa Flora

A Casa da Rega, ou Villa Flora, na Ponte Nova

Con categoría de monumento e nivel de protección integral, a Dirección Xeral de Patrimonio acaba de acordar inscribir no Catálogo do patrimonio cultural galego a que chama “Casa da Rega”, popularmente coñecida por “Villa Flora”. Un inmoble típico da arquitectura de indiano encadrado no eclecticismo academicista proxectado por Leoncio Bescansa en 1922.

A Xunta destaca na resolución, publicada no DOG de hoxe, que o promotor do proxecto de vivenda foi Manuel do Pico Sas. Na vivenda residiu Joaquín Novo Lagoa, quen foi concelleiro de Betanzos durante os primeiros anos do século XX e pai de José Novo Rodríguez, tamén concelleiro e alcalde que foi represaliado e fusilado no ano 1936.”O inmoble evidencia totalmente os principios recoñecibles do seu estilo arquitectónico, o eclecticismo academicista, e pode considerarse o seu proxecto representativo da denominada arquitectura de autor de indianos, da cal constan poucos exemplos en Galicia” salienta a resolución.

“Con respecto ao contorno de protección establecido provisionalmente na incoación, considerouse máis axustado á realidade física da protección reducilo ás mesmas condicións que o establecido para a fábrica de electricidade, que fan fronte á mesma rúa, a avenida da Coruña, e que comparten características da implantación” destaca a Xunta. “Non se considera preciso, pola natureza do contexto e dos valores que se queren protexer, establecer unha zona de amortecemento, pola consolidación dos desenvolvementos territoriais da súa localización” conclúe.