A Xunta contrata a rehabilitación de catro casas máis das que comprou en 2011

Unha vista parcial do Casco Histórico

A Xunta de Galicia anunciou onte a adxudicación das obras de rehabilitación en catro inmobles no casco vello de Betanzos por un importe de 828.840 euros e un prazo de execución de 12 meses dende o comezo das mesmas. Trátase dos edificios emprazados nos número 45, 47 e 49 da rúa da Cerca e do número 75 da rúa Nova

No que se refire aos inmobles da rúa da Cerca, obteranse, unha vez rehabilitados, catro vivendas, unha no número 45, outra no 47 e dúas no número 49. A obra foi adxudicada por importe de 576.420 euros e un prazo de execución de un ano a contar dende o inicio das obras. Na outra rúa, as obras de rehabilitación do edificio emprazado na rúa Nova 75 permitirán obter dúas vivendas. A obra adxudicouse por importe de 252.420 euros e un prazo de execución dun ano.

As obras adxudicadas sumaranse ás que xa están en execución nos inmobles da rúa Cerca 9- a segunda Casa Gótica que Romay cedeu ao goberno galego logo de lle abrir un expediente o Concello polo derrubamento parcial da propiedade- e 13 e Venela de Clérigos 13, nas que se obterán seis vivendas e dous locais comerciais e nas que a Xunta está a investir máis dun millón de euros.

A Consellería de Vivenda recibiu 13 ofertas para a compra de inmobles na zona comprendida entre a rúa da Cerca e as ruelas que van dar a ela. O importe da oferta ascende a 739.664 euros e as vivendas sitúanse na rúa A Cerca, Clérigos, Pinche, Alfolí, Díaz Lemos, Ferreiros, Travesa, Sombrereiros e Cristo. A Xunta aínda estuda as ofertas.

Segundo a Xunta, os Romay non podían rehabilitar a súa casa gótica

Plano para a rehabilitación da segunda casa gótica, cedida polos Romay á Xunta

“Eses edificios foron adquiridos polo Goberno galego co investimento de máis de 560.000 euros, agás un, que foi cedido gratuitamente e sen condicións polos seus antigos propietarios, que non podían facer fronte á rehabilitación do mesmo” aseguraba nun comunicado a Xunta o pasado mes de febreiro.

O inmoble “cedido gratuitamente e sen condicións” é a segunda casa gótica da rúa da Cerca, propiedade da familia do exministro Romay Beccaría, que decidiu ceder o inmoble á Xunta cando, tras un derrubamento parcial sobre as fincas colindantes e a vía pública, o Concello abriu un expediente de cuxa conclusión nunca informou.

Unhas casas compradas en 2011 cuxa rehabilitación tardou máis de 8 anos

Ían ser unha actuación “exemplar” ou “emblemática”, modelo do proxecto para o Casco Histórico do PP. Iso anunciaba María Faraldo nos finais de 2010, cando acompañada do conselleiro de Vivenda visitaba a zona monumental e anunciaba a medida, na conta atrás para as eleccións municipais nas que aspiraba e non logrou revalidar o bastón de mando.

O certo é que foi saír o PP do goberno local e desinflarse o anuncio. Desde ese ano, o goberno local reclamou a rehabilitación das casas chegando a pagar o proxecto para tres delas- que a Xunta non usou, como demostra o feito de que contratase os seus propios proxectos- e o BNG presentou todos os anos desde aquel emendas ás contas galegas para incluír fondos para a actuación. Finalmente, con contapingas, foron comezando os anuncios de licitación en datas próximas ás anteriores eleccións galegas e cos restos das contas. Aínda así, o PP volveu votar este ano en contra de destinar fondos para estas actuacións.

A Xunta mercou dez casas no Casco Histórico en 2010. Polo de agora, tres proxectos están executándose e anúnciase agora a licitación de catro máis. Quedan aínda obras pendentes de adxudicar, mentres o goberno galego estuda as ofertas recibidas para mercar máis casas.