A Xunta abre o “Espazo Emprende” na Casa da Xuventude

A directora xeral e o edil de mocidade no momento de presentar o espazo emprende. Na foto colouse, sen responsabilidade, o voceiro do PP (segundo pola dereita)

Os mozos e mozas de Betanzos xa contan coa nova ferramenta Espazo Emprende no Espazo Xove da localidade, onde poderán desenvolver as súas ideas e proxectos empresariais. A directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cecilia Vázquez, presentou hoxe esta iniciativa adaptada ao coworking, e grazas á cal os usuarios disporán tanto de medios como de asesoramento personalizado e formación para a posta en marcha dos seus negocios e ideas.

Vázquez destacou a importancia deste espazo para converter á mocidade en motor da dinamización económica de Betanzos e a súa contorna. “Existe un firme compromiso do Goberno galego cos novos emprendedores, que non son só o noso capital de futuro senón tamén de presente”, afirmou. “Por elo, esta iniciativa vai encamiñada a darlles un espazo onde desenvolver os seus proxectos pero tamén onde atopar unha serie de apoios que van desde o asesoramento para a constitución de empresas, acceso a financiamento e mercadotecnia ata accións formativas, de titorización e asesoramento individualizado e formación e coaching persoal”, engadiu a directora xeral.

Os mozos e mozas que se animen a utilizar o Espazo Emprende terán a oportunidade de impulsar e potenciar a viabilidade das súas ideas de negocio desde un primeiro momento, aínda que as accións continuadas de acompañamento que se desenvolverán lles permitirán continuar cunha dinámica de crecemento e mellora. O prazo para que se inscriban nesta iniciativa ábrese este mes.

Encontros sectoriais cos axentes económicos do país

Ademais, ao longo do ano se organizarán encontros sectoriais para crear unha dinámica de diálogo e coñecemento entre a xuventude e os axentes económicos do territorio, en Galicia pero tamén no norte de Portugal. Así mesmo, estas relacións estableceranse coas empresas galegas e lusas co fin de reforzar o achegamento dos emprendedores novos á realidade do seus tecidos empresariais e que poidan valorizar os seus recursos e potencialidades.

Segundo destaca a Xunta, os Espazos Emprende enmárcanse no proxecto LIDERA, Catalizador de oportunidades de emprego e emprendemento xove transfronteirizo (acrónimo LIDERA), que forma parte da actividade Crece para impulsar o traballo xuvenil en rede. Este proxecto foi aprobado ao abeiro do programa Interreg V A España Portugal 2014-2020 (POCTEP) e conta cun orzamento de 1.428.692, 93 euros cunha financiación dun 75 % de fondos Feder e unha duración de catro anos (2016-2019).

Son socios do proxecto: a Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, a Fundación Galicia Europa, a Cámara Oficial de Comercio, Industria, Servicios e Navegación de Santiago de Compostela, a Asociación Comercial de Emprendedores de Galicia (Ascega), o Instituto Português do Desporto e da Juventude (IPDJ), a Federación Nacional de Asociaciones Juveniles Portuguesas (FNAJ) e a Comunidade Intermunicipal do Ave.

O voceiro do PP volve “colarse” na foto como autoridade

Ao acto acudiron a directora xeral e o edil de xuventude de Betanzos, xunto coa responsable da casa da xuventude betanceira. Sen ningunha responsabilidade gobernamental, nun xesto que xa é habitual, canda a directora xeral apareceu o voceiro do PP na localidade que interviu ao mesmo nivel que o executivo local.