O Xulgado de Betanzos condea a Audasa por unha lesión na autoestrada por mal mantemento

O Hospital de San Antonio, actual pazo de Xustiza, na praza do Campo

O titular do Xulgado de Primeira Instancia e Instrución número 3 de Betanzos condenou en primeira instancia a Audasa, a concesionaria de Autopistas do Atlántico, a abonar 334 500 euros, máis os intereses legais computados desde a reclamación extraxudicial do ano 2015, á Mutua Gallega polos gastos que lle ocasionou a atención sanitaria prestada a un condutor a consecuencia das lesións medulares sufridas nun accidente de tráfico múltiple tras un temporal de neve.

Na colisión, acaecida no inverno de 2015, víronse implicados 15 vehículos nas inmediacións de Guísamo. O traballador da empresa Monsano S.L., con convenio coa Mutua Gallega como entidade mutual de accidentes de traballo, sufriu un accidente múltiple de circulación in itinere o 3 de decembro de 2010 ás 7:50 horas no quilómetro 0,600 da AP9 Vigo-Coruña (Autopista do Atlántico) do ramal saída de Guísamo, sentido Cecebre.

En primeiro lugar foi batir contra a barreira metálica de seguridade e despois contra outro vehículo que se atopaba detido, que, á súa vez, recibiu o impacto doutros coches. O Servizo de Urxencias 112 avisou de alerta de neve cunha alarma laranxa. No atestado figuraba que se apreciaba unha calzada cunha capa de xeo de 1 ó 2 centímetros, “sendo difícil transitar por ela e ata manterse en pé”. Os axentes sinalaron que non se aprezaban as liñas divisorias da vía e que non se usou fluído ou salmoira para paliar a neve ou o xeo e a quitaneves apareceu horas máis tarde do accidente.

Seis testemuños dixeron que a estrada estaba xeada e dous deles referíronse a que “foi unha trampa e unha encerrona total” xa que se trataba dun cambio de rasante. Pola súa banda, Audasa dixo que durante ese día adoptou “todas as medidas necesarias para asegurar a circulación”, e imputou do accidente aos condutores “que non atenderon ás sinalizacións de perigo realizando así unha conduta neglixente”. En consecuencia, a concesionario da autopista sinalou non ser responsable do sinistro.

A Mutua argumentou que a causa do sinistro foi a praca de xeo e solicitou repetir o pago de 334 516,90 euros como gastos xerados polas lesións producidas ao traballador no accidente. Nos feitos, queda acreditado, di o xuíz, que durante este xornada “a vía atopábase en condicións pésimas para circular”. Considera, xa que logo, que a causa do accidente foi a existencia de xeo na calzada e que Audasa non adoptou “todas as medidas posibles e existentes para evitar o accidente”, pois as sinalizacións “única medida que esgrime adoptar” foron “insuficientes atendendo ao temporal que estaba anunciado días antes”.

En canto ao exceso de velocidade que alegaba a empresa, o xuíz subliña que “non existe proba directa ou indiciaria de que o condutor asegurado laboralmente circulase a unha velocidade inadecuada para as circunstancias da vía”.

Obrigación da concesionaria garantir o tráfico fluído e sen interrupcións

A esta resolución na que o xuíz estimou integramente a demanda da mutua súmanse outras dúas sentenzas do xulgado número 1 e 2 tamén de Betanzos, onde igualmente atribúese a culpa exclusiva do accidente á concesionaria, baixo a premisa de falta de previsión e mantemento da vía.

Neste sentido, o xulgado sinala que hai dous feitos controvertidos. En primeiro lugar, determinar se Audasa pode ser considerable responsable do accidente cuxos danos causados solicita o condutor como indemnización. E, en segundo término, unha vez admitido que foi así, establecer se a contía solicitada axústase ás lesións que a Mutua di que se produciron no sinistro.

A sentenza xustifica esta responsabilidade recordando a cualificación que outorga a xurisprudencia á relación xurídica entre o usuario e o concesionario da autopista. Trátase, di, de “un contrato atípico polo que mediante o pago dunha peaxe por parte do condutor, a empresa concesionaria está obrigada a garantirlle unha circulación fluída, rápida e sen risco de ningún tipo pois se espera que o concesionario eliminouno”, aclara o Alto Tribunal.

Con esta natureza contractual que ten a responsabilidade do concesionario dunha autopista de peaxe polo incumprimento das devanditas obrigacións, di o xuíz que a xurisprudencia sinala acudir tamén ao Código Civil, artigo 1104, definidor do concepto de culpa civil. Para o Tribunal Supremo “o concepto moderno de culpa non consiste só na omisión da dilixencia exixible segundo as circunstancias do caso, senón que abarca condutas onde haxa neglixencia sen unha conduta antixurídica e aqueloutras en que, partindo dunha actuación dilixente e lícita, non só no seu inicio senón no seu desenvolvemento, prodúcese un resultado socialmente dañoso que impón o reproche da acción”.

O xuíz tampouco admite a pretensión da concesionaria de considerar prescritas as accións demandasa, dado que “a entidade mutual non ocupa a posición xurídica da persoa á que prestou a asistencia sanitaria senón que exercita un dereito propio que lle vén recoñecido legalmente para resarcirse duns gastos efectuados en cumprimento dunha obrigación tamén legalmente imposta”.

O fallo, ao ser en primeira instancia, aínda é susceptible de recurso. O xuíz, porén, pon en valor o “excelente” labor dos letrados das partes, “con excelentes formulacións e fundamentos moi logrados”. Destaca. asemade, a “corrección e educación exquisita á hora de facer valer as súas teorías fronte ao tribunal e entre eles”, nunha “actuación impoluta que desgraciadamente escasea cada vez máis nos tribunais do noso país”.