O web da Feira Franca está inzado de erros históricos e datos incorrectos

Feira Franca Medieval

O goberno local presentou o pasado día 2 un novo web, dentro da páxina municipal, dedicada á Feira Franca Medieval. Ou, mellor dito, segundo o propio enderezo e información ofrecida por “comunicación Betanzos”- o gabinete de prensa do goberno local- da “feira medieval”.

Indican na súa nota no web institucional que “dentro das accións de promoción da feira, o Concello presentou unha nova web propia desta importante cita medieval”. “O portal encádrase na liña de accións coas que o Concello pretende mellorar a súa presenza na rede e que se iniciaron cun novo portal municipal, no principio do ano; e agora este centrado na Feira medieval” salienta a nota de prensa, omitindo o nome do festexo e evitando potenciar a marca que con el se poida crear, como é habitual nos vinteún anos deste festexo.

“Trátase dunha páxina actual, dinámica, na que a veciñanza e as persoas visitantes terán toda a información da Feira Medieval de forma actualizada” remarcan, indicando que o web divídese en varios apartados, onde o programa, coas distintas actividades, ocupa un lugar destacado.

Mais a información que ofrece este novo web está inzada de datos sen contrastar, mentiras e falsidades, tanto no tocante á propia evolución do festexo como nos datos históricos cos que introduce ao visitante na festa de recreación histórica. Eis uns cantos exemplos.

Desestacionalizar o turismo…. en xullo?

Asegura este web que a idea da Feira Franca respondeu a varios factores, un deles “o primeiro paso para acadar unha desestacionalización do turismo, tratando de potenciar unha variante cultural que visite Betanzos durante as épocas de ‘tempada baixa'”. Xullo, aínda nestas Rías Altas, dista moito de ser tempada baixa para o turismo, e desde logo non se deron máis pasos desde hai 21 anos por parte do goberno local- o mesmo que na altura, todo hai que dicilo- para perseverar nesa liña de turismo cultural. Inscribir a creación da Semana Santa neses obxectivos é mesmo unha ofensa para os católicos practicantes.

O número de rúas non foi medrando co tempo

O web asegura que ” o número de rúas adicadas ao evento foi medrando en función do crecemento deste e os esforzos organizativos tiveron tamén que incrementarse de xeito proporcional”. Porta da Vila, rúa do Castro e Travesa, Santiago e Roldán, PEscadería, Azougue e San Francisco e prazas de Lanzós, COnstitución e Fernán Pérez de Andrade foron desde o inicio o escenario da Feira Franca e da instalación dos postos, coa excepción da Rúa Travesa, onde os comerciantes declinaron instalar tenderetes ambulantes e se atopou a excusa dun corredor de seguridade para emerxencias- inexistente, posto que ambulancias e camións de bombeiros terían que acceder a ela pola Porta da Vila ou polo arco dos prateiros, que non admite determinados gálibos e anchos de vehículos. Revisar os folletos desde a primeira edición, profusamente colgados en internet, evidencia esta falsidade.

A renglón seguido o web da Feira Franca asegura que a festa faise “partindo das limitacións económicas propias dunha administración do tamaño do Concello de Betanzos”. Un dato relativamente incorrecto dado que o gasto en festas foi medrando constantemente aínda cando o goberno local se gababa de conter o gasto en festas. Segundo os orzamentos de 2017, o orzamento da Feira Franca do ano pasado andou en 75 000 euros. Cando se faga pública a conta xeral verase o gasto real.

As patadas á Historia: feitos históricos inexistentes, grallas de antoloxía e séculos cambiados

No que se refire ao respecto á Historia que se di representar, hai para todos os gustos: grallas de suspenso en Historia, elevación á categoría de historia probada lendas, saltos temporais para xuntar persoas de distintas épocas….

A dubidosa existencia da “Batalla das Figueiras”

“No segundo día son tres as representacións históricas fundamentais. A primeira delas a pesar de non corresponder á época en cuestión é moi importante porque representou unha das primeiras actuacións en Galicia da Reconquista…”. Así introduce o web a representación da lenda das cen doncelas. Elevando a feito histórico un romance creado a partir da lendaria batalla de Clavijo e transmitido polo Camiño de Santiago e a propaganda oficial creada séculos despois por Afonso X. Sen rubor, aínda cando academicamente se debate e discute mesmo a existencia da “Reconquista” como feito histórico probado.

Captura de pantalla onde se di que Mauregato era un rei musulmán

O web resume a fermosa lenda pero leva a cousa ao lindeiro coa parodia. Asegura, así, que o conflicto estoura ao negarse os galegos “a entregar ás tropas do rei musulmán Mauregato as cen doncelas”. O certo é que Mauregato, que reinou desde 783 ata 789, era fillo de Afonso I, e dunha escrava. Reis mesmamente non eran, e de feito nos documentos intitúlanse princeps, por mais que a historiografía española, máis próxima á crónica que á ciencia histórica, os intitulase coma reis de Asturias. Mais, en todo caso, o caso é que o tío do que sería Afonso II tras sobrepoñerse ao golpe de palacio de Mauregato, era rei cristián.

Remata o asunto indicando que se representan “bailes mouros típicos daquela época empregados para recibir as tropas musulmanas”. Danzas estas sen rigor- aínda dando por boa a ocupación do Reino de Galicia polos mouros, nin foi permanente nin prolongada polo que é imposible que en Betanzos se bailasen danzas mouras. E moito menos que a cadencia e piruetas que se describen nesta escena teñan fundamento histórico alén de lle imitar á oriental danza do ventre e dos sete velos, tirando de estereotipos cinematográficos.

Unha carreira de bocois para salvar pipotes….. ou viño?

“Un dos bens mais aprezados na época eran os bocois de viño, polo custo que tiñan e a laboriosidade que requiría a súa fabricación”. Así explica o web municipal a carreira de bocois ideada hai anos pola Asociación Cultural Alboio recordando o incendio da cidade. Naquela altura, os integrantes da entidade recordaban que segundo a documentación da época os adegueiros corrían cos pipotes polas rúas para poñer o viño, logo dun ano de traballos, a salvo. A información sitúa os caldos como algo accesorio e os bocois coma algo cercano á ebanistería.

Dicir que esta carreira ten lugar “na rúa mais emblemática de aquela época (a rúa Travesa)” é simplemente encher oco con texto. A rúa Travesa foi tan pouco emblemática na época que ningún gremio se instalou nela- a diferencia de nas súas ruelas- e por nome ten o dato, simplemente xeográfico, de que cruza o Betanzos medieval. Emblemáticas son as rúas gremiais, a do Cristo ou as que albergan calquera dos edificios medievais que chegaron ata hoxe. Emblemática foino despois, para o comercio, mais non falamos da época moderna.

Un tipo do século XIV falando con outro do XV de algo que aconteceu cando levaba 70 anos morto

A expulsión dos leprosos é un clásico desde a primeira edición da Feira Franca Medieval

“A Feira Franca Medieval de Betanzos comenza de xeito oficial representando a chegada do Señor de Andrade á cidade. Nesta escena faise referencia á concesión no ano 1465, por parte do rei Enrique IV de Trastámara a Betanzos, do título oficial de CIDADE e á concesión no ano 1467 do privilexio de poder realizar unha Feira Franca cada ano no mes de novembro”.

O tal señor de Andrade é Fernán Pérez de Andrade, o Bo, que finou en 1397 e ao que, noutra patada á historia da cidade, se lle pon a cobrar tributos diante do edificio que representa o poder da cidade, o propio Concello, único señor na época da vila de Betanzos canda a coroa. Este Andrade si tivo tratos cun rei Enrique, mais o segundo do seu nome.

O Enrique IV ao que alude a Feira Franca viviu moito despois, nacerá en 1425, con Fernán Pérez morto máis de 30 anos, e finará en 1474. Imposible que o de Pontedeme puidese referirse a nada que o último Trastámara puido facer, e menos aínda do título de cidade e a concesión dunha Feira Franca que nace, precisamente, por opoñerse aos abusos do seu sobriño neto Nuño Freire de Andrade, o Mao.

A concesión da Feira Franca débese ao papel desempeñado por Betanzos na Revolución Irmandiña, que serviu a Enrique IV para erosionar parte do poder señorial no reino galego. E de atribuírllo a alguén en concreto, o preito Tabera-Fonseca sinala ao escribán Xohán Branco como alcalde e líder irmandiño por excelencia malia compartir protagonismo con Alonso de Lanzós, ao que o web municipal sitúa como “líder” local- rol que xogou o mercader Afonso de Carvalhido, pois o de Lanzós está documentado que se moveu alén da súa cidade natal.

Sen supervisión de expertos

Resulta cando menos sorprendente que un goberno local como este, que para todo exhibe e pretexta a existencia de informes técnicos elaborados por expertos para defender as súas propostas ou para bloquear as demandas veciñais ou da oposición, publique esta restra de datos incorrectos sen un mínimo control de expertos. E iso que o propio rexedor anunciara, o pasado ano e tras as enésimas críticas ao reiterativo programa da Feira Franca Medieval, que unha comisión de expertos encabezada polo medievalista Alfredo Erias, arquiveiro-bibliotecario do Concello e doutor en Historia, revisaría a festa para facela máis achegada aos feitos históricos probados.