Volve rebordar o saneamento nas Monxas

O convento das Agostiñas Recoletas, na rúa á que dan nome as Monxas. Imaxe de Turgalicia

A rede de saneamento na rúa das Monxas é relativamente nova, pois amañouse no ano 2009, baixo o mandato da popular María Faraldo. O achádego dunha canalización de pluviais dos tempos de Carlos III parou os traballos, que continuaron introducindo a nova canalización de PVC para as augas de chuvia no seu interior, e as fecais por outra canalización por fóra dela, ou así se explicou no seu momento polo executivo local.

Isto non impide que a rede de sumidoiros reborde. Fíxoo onte novamente, provocando as queixas da veciñanza do entorno, ante a presenza de todo tipo de refugallos na calzada e nas beirarrúas. Apenas dúas semanas antes rexistrárase un episodio similar, o que fai que a paciencia dos veciños reborde e demanden melloras nunha rede que, supostamente, é das máis actualizadas da cidade.

Reborda a paciencia dos residentes nas Monxas tras anegarse rúa e casas

Hai dúas semanas o goberno local asegurou que o rebordamento era “puntual” e que se debera á intensa tromba de auga que anegou a rúa. Os veciños discrepan, asegurando que pasa cada vez que chove forte. “É unha cuestión de saúde pública”, inciden.

Aseguran que a rede, renovada en 2009 segundo indicacións dos técnicos municipais, está “infradimensionada” e alertan de que é insuficiente para atender a demanda actual. Exixen que se amplíe a capacidade e denuncian a ausencia dunha rede separativa nesta zona, polo que se desborda os días de fortes choivas.