Vintecinco casas optan ás axudas de rehabilitación de Xunta, Estado e Concello

Unha vista parcial do Casco Histórico

O Concello de Betanzos remitiu ao Instituto Galego de Vivenda e Solo (IGVS) un informe cun total de 25 actuacións que os técnicos confirmaron que cumpren os requisitos para obter unha axuda á rehabilitación ou renovación. O plan que recolle este tipo de subvencións é o que asinaron o propio Concello, a Xunta e o Ministerio de Fomento. O listado de obras teñen un custo aportado polas administracións de 155.000 euros.

As obras son tanto de elementos comúns dos edificios como de adecuación de habitabilidade das vivendas polo que as axudas están dirixidas tanto a comunidades de propietarios como a particulares. Os 25 inmobles están en Áreas de Rehabilitación Integral, é dicir, no Casco Histórico e os barrios da Magdalena e Nosa Señora dos Remedios.

As tres institucións firmantes do acordo repártense as tarefas dentro da xestión das axudas: o Estado financia a rehabilitación de edificios e vivendas e o custo dos equipos técnicos; a Xunta dá subvencións a particulares e o Concello axuda aos proxectos, actuacións de reurbanización e tamén profesionais. O primeiro destes acordos remóntase ao ano 2003, cando o puxo en marcha a Concellaría de Casco Histórico creada e dirixida aquel ano polo BNG.