Unha oposición cun temario inconcreto para contratar 3 persoas para a Feira Franca Medieval

A expulsión dos leprosos é un clásico desde a primeira edición da Feira Franca Medieval

Un test de 18 preguntas onde ningunha resposta errónea resta puntuación, e un “suposto práctico relacionado coas funcións propias dos postos” sobre un total de 11 temas. É o sono de calquera opositor e aspirante a facerse cun emprego público. Son os requisitos para poder optar aos postos de ” de persoal laboral temporal por acumulación de tarefas para apoiar á organización de eventos na tempada de verán”. Ou o que é o mesmo, para actividades de “apoio na organización” da Feira Franca Medieval, festas patronais e balconadas.

A convocatoria esta repleta de detalles curiosos. Como o prazo de 5 días hábiles para presentar instancias os aspirantes, algo extremadamente inusual polo breve que resulta. Polo exiguo do temario, polo test que en realidade non fai criba de aspirantes e por un suposto práctico que, a xulgar polo temario, pode resultar en calquera cousa. Incluso compoñenda, debido á súa escuálida descrición nas bases.

O temario é outra das rarezas. Dos once temas, cinco son de leis e mais ou menos se repiten noutras convocatorias. Pero outros seis, isto é, máis de medio temario, son tan parcos en descrición e contidos como o tema descrito como “Historia de Betanzos”, que por non dar, nin dá pistas se se pide o relato oficial construído- 800 aniversario da fundación entre outros mitos- ou se piden feitos e datos contrastados academicamente. Ou o titulado “Xeografía de Betanzos. O rueiro de Betanzos”, un tema frecuente hai anos en todas as convocatorias municipais para deixar en mans de moi poucos a posibilidade real de acceder á praza.

O dedicado ás balconadas é outro tema particular. Titúlase “O certame das Balconadas. Contido. Datas e lugares de celebración”. Partindo da premisa de que só ten datas orientativas de celebración, entre a Feira Franca e o San Roque, os contidos exixidos aos aspirantes resultan bastante etéreos.

Críticas polo contido das bases

A algunhas destas cousas xa se referiu o BNG a pasada semana anunciando que pedira os informes técnicos que avalen este proceso selectivo, sen fondos para persoal previstos no orzamento nin praza no cadro de persoal. “É un proceso selectivo un tanto estrano, con só 18 preguntas nun test onde ningunha errónea resta e con 6 temas bastante raros, como o ‘rueiro de Betanzos’ e outros moito máis indeterminados”, explicaba na altura o voceiro nacionalista. “Realmente dá moito que pensar”, engadía, criticando os requisitos exixidos.

A CIG tamén arremeteu contra o proceso. Asegura que o goberno local dá a razón ás súas denuncias ante a Inspección de Traballo. O executivo local contrataba todos os anos exactamente o mesmo persoal a través de distintas emrpesas privadas, e logo emprestaba os seus servizos na Casa Consistorial en lugar de na sé da empresa.