Unha nova avaría deixa sen auga por horas toda a beira do Mendo, da Condesa á Ribeira

As queixas pola auga avolta son frecuentes, aínda cando non chove

Onte produciuse un novo corte no subministro de auga a domicilio. Segundo explicou o goberno local a través das redes sociais, o motivo foi “a rotura da rede na Praza Alfonso IX”. “A tubería, antiga, é de fibrocemento. Rompeu soa” aseguran, explicando que a concesionaria “localizou o punto da rotura e está executando os traballos para reparala”.

As rúas afectadas polo corte foron Valdoncel (Impares); A Condesa; Fraga Iribarne; A Magdalena; Condomiña; Avda da Coruña; Argentina; A Ribeira; Alfolí; Rexemento Provincial; Antolín Faraldo; Malecón; Marina; Xoan García Acuña; Manuel Naveira; Praza do Peirao e A Galera.

O pasado martes o pleno debatía precisamente a suba de tarifas do servizo de abastecemento e saneamento de auga, que quedou sobre a mesa porque BN pedía un informe. O BNG advertiu nese debate- que aínda non esta dispoñible no web municipal- que era “inadmisible” subir as taxas, a pouco que fose, tendo presente as numerosas avarías e cortes e a mala calidade do servizo.