Unha mostra reúne no Edificio Arquivo os carteis do San Roque

O Edificio Arquivo, chamado comunmente Liceo

Antes de que o goberno local encargase en exclusiva os deseños do cartel das festas de San Roque a Xosé Tomás houbo máis autores que volcaron os seus deseños para anunciar as festas. Artistas locais como os irmáns Muñoz ou Palla e plumas recoñecidas, como Camilo Díaz Baliño ou Seijo Rubio, entre outros. E a carón dos deseños, algúns verdadeiras obras de arte, curiosidades do programa.

Como o ano en que a Liga de Amigos organizou os festexos de San Roque entre o 14 e o 17 de xullo en 1906 e 1907. Ou que o programa das festas xa recollía globos “colosais” antes de que Claudino Pita comezase a construílo en 1875. Ou que en 1970 non houbo globo na noite do 16 de agosto, por desacordo entre a familia Pita e a comisión de festas segundo Alfredo Erias.

Un vistazo aos programas e carteis que conteñen a exposición que o goberno local inaugurou o pasado día 6 no Edificio Arquivo amosa como hai números das festas que desapareceron, como os Xogos Florais que instituíran as Irmandades da Fala e a celebración do San Roque pequeno o 17 de agosto no campón das Cascas, a carón do Mosteiro de Donas. Ou a batalla de flores e a serenata marítima. Por desvincularse da tradición gandeira da comarca, tamén caeron do programa as exposicións de gando, que apenas se ve xa no recinto feiral malia manterse a feira do 16 de agosto. Tamén son historia os “paseos de moda”, os alumbrados “á veneciana” ou os concertos da banda no palco da música, pero mantéñense os mómaros, que mesmo saíron protagonizando algúns destes carteis, as danzas gremiais ou a romaría dos Caneiros.

Os carteis e programas tamén amosan o nova que é a “tradición” das raíñas dos festexos e permiten rastrexar doadamente a orixe deste cuestionado número dos festexos.  Estará aberta ata fin de mes, en horario de 10:00 a 14:00 h e de 18:00 a 20:00 h días laborables e de 11:30 a 14:00 h os sábados.