Unanimidade no pleno para reclamar á Xunta que libere do canon ao Ría de Betanzos

Un padexeiro do CN Ría de Betanzos

A Corporación municipal de Betanzos aprobou onte por unanimidade unha moción de todos os grupos para tratar de paliar a complicada situación económica do Clube de Piragüismo Ría de Betanzos.

A iniciativa insta á Xunta a “realizar as xestións oportunas para que o clube non teña que afrontar custos pola concesión administrativa do uso do edificio, nin o Imposto de Bens Inmobles (IBI) nin o recargo do 20% dos consumos de auga e electricidade que lle impón Portos de Galicia”.

A proposta foi referendada por todos os partidos con representación municipal. O texto recorda os problemas que atravesa o clube para facer fronte aos distintos gastos que ten que afrontar e que foi a Xunta quen concluíu a construción dun edificio no porto de Betanzos para albergar a sé do clube no ano 2013.