A transparencia atragántaselle ao goberno local

O alcalde e o edil de transparencia, Andrés Hermida

O 20 de decembro pasado o alcalde presentaba o novo web municipal. Segundo as súas propias palabras, “un portal de transparencia que nestes momentos é un dos que máis información da provincia e que se irá ampliando paulatinamente”. Ademais do uso de distintas magnitudes para tratar de disimular o que realmente cobran os edís do goberno local,  o certo é que a transparencia atragántaselle, e bastante, ao goberno local.

O executivo situou a apertura do portal de transparencia coma un fito do seu mandato. En realidade e malia que BN, a marca local de En Marea, tamén quixo facer ver que era unha exixencia deles, é simplemente unha obriga da lei e non un acto que poida acordar ou negar o executivo local.

As denuncias pola opacidade do goberno local do PSOE, a súa demora en achegar a documentación aos grupos da oposición para poder controlar a acción do goberno ou a negativa a facer públicos acordos tan elementais como os adoptados polo pleno ou o goberno son unha constante e a réplica do goberno socialista era poñer en duda tales afirmacións, mesmo con descualificacións aos grupos da oposición que revelaban a súa resistencia a entregar datos e documentación sobre os seus contratos ou acordos.

Malia as descualificacións do PSOE cara os grupos da oposición que denunciaban esta resistencia a entregar datos, o certo é que desde o inicio a  a apertura do portal de transparencia deparou xa as primeiras evidencias de que, efectivamente, o Concello de Betanzos, a pesar do web, segue sendo opaco. E isto a pesar de ter un concelleiro dedicado en exclusiva a encher de contido este portal de transparencia segundo manifestou o alcalde cando cesou ao concelleiro de Urbanismo como tenente de alcalde para outorgarlle un salario ao edil de “Información Cidadá e Novas Tecnoloxías”, Andrés Teijo Hermida.

Tanto Betanzos Novo como Betanzos en Común- o grupo do edil eleito na candidatura de Compromiso por Galicia que abandonou a formación- loubaron coma un avance en materia de transparencia que o Concello de Betanzos, por condicionar isto ambos ao apoio dos orzamentos durante varios anos, se dotase dunha ordenanza de transparencia. Mais o certo é que o texto, como as exixencias da Lei de Transparencia, bordéanse con demasiada frecuencia por parte do executivo que apoian.

Contratacións que se evita publicitar no perfil do contratante

O perfil do contratante non publica as licitacións desde o 7 de marzo de 2018. O “Perfil do Contratante” é o lugar da páxina web das administracións públicas no que se publica a información relativa á contratación administrativa, como os anuncios de licitación, as adxudicacións provisionais e definitivas e os pliegos de contratación. A Lei determina os contidos mínimos sobre cada licitación e as especificidades da contratación pública para as entidades locais. Un vistazo ás exixencias desta normativa evidencia as carencias que ten o Concello de Betanzos no cumprimento da normativa no tocante á transparencia en materia de contratación pública. Sobre todo, tendo presente que, contra o que a lei exixe, non se fai pública sequera a relación de contratos “menores”, os que o alcalde adxudica tan só mirando tres ofertas de proveedores e dá sen máis procedemento.

Así, por exemplo, tampouco se pode coñecer a canto ascende o alugueiro das arcadas luminosas do Nadal ou a factura eléctrica que conleva.

Información das festas…. de 2016!

No tocante á actividade económica do Concello a información tamén é escasa. E resesa. Os “balances económicos de eventos e festas” ofrecen unha má táboa excel sobre os gastos e ingresos de Feira Franca e festas patronais, de 2016. Sen informes económicos que os respalden nun documento que ninguén asina. Súmaselle os gastos de protocolo dos edís Andrés Teijo Hermida e Antonio Vázquez Lorenzo por varias viaxes a América, se ben ocúltase todo o demais gastado neste concepto.

Nin concesións nin subvencións alén do importe

De mirar o período medio de pago a proveedores, o último dato, é do cuarto trimestre de 2017. Non é mellor a información sobre as concesións municipais a pesar dos ríos de tinta que algunhas delas, caso da ORA-actualmente derrogada mais- ou o Complejo San Roque SL, teñen feito correr desde hai anos. Só se pode ver o contrato da concesión das piscinas e o polideportivo.

Sobre os fondos municipais que van parar a outras entidades tampouco hai información. Das subvencións nominativas- as dadas “a dedo” e sen “criterios obxectivos” na terminoloxía do BNG- tan só se pode ver a contía das outorgadas o pasado ano 2017. Só os importes,  nin os criterios seguidos para establecer ese ou outro importe concreto, nin os compromisos entre partes nin as fins perseguidas. Dá o mesmo, resolución de concesión e importes, para as entidades que se presentan á convocatoria pública, mais neste caso si que se coñecen, cando menos, os criterios seguidos para outorgalas, se ben ocúltase tamén que proxectos financian todos os contribuíntes. Do presente ano, nada.

En “proxectos” tan só ofrecen información sobre o controvertido estudo previo para rehabilitar o Pasatempo, as obras do Plan de Obras da Deputación e mais o protocolo de emerxencias contra inundacións, sen ofrecer outro tipo de datos sobre outras actuacións das que si se dá conta nas notas de prensa onde o goberno sostén existir análises, estudos ou proxectos para outras actuacións sobre as que non ofrece máis datos que a nota de prensa.

Non hai apartado para o emprego público

A información sobre os procesos selectivos, resultados, listas de agarda e demais información sobre emprego público non está entre a información de transparencia do Concello. Hai que buscala no apartado de anuncios, Unha vez que se localiza no web o apartado de anuncios, hai que darlle a cargar máis información para poder atopar o histórico.

E contra o que é unha norma en todas as administracións, non se ofrece a posibilidade de ver o exame que os tribunais nomeados polo alcalde propoñen aos aspirantes a cada posto. Así que, por exemplo, calquera que queira coñecer que tipo de preguntas sobre o rueiro se propuxeron no proceso para o persoal de apoio na Feira Franca Medieval quedará coas ganas de coñecer as preguntas preparadas para que só un oriúndo da localidade tivese opcións de atinar con todas as respostas ao cuestionario.