O Supremo ratifica a condena por estafa aos responsables de Vinsa

Cartel anunciador da festa de Requián na pasarela de Infesta

O Tribunal Supremo ven de confirmar o fallo da Audiencia Provincial da Coruña contra os antigos responsables de Adegas Vinsa, aos que considerou responsables, en xullo de 2017, de falsear as contas para embarcar a unha terceira persoa na ampliación de capital da industria agroalimentaria de Infesta.

Así, o alto tribunal condena a un ano e catro meses de prisión por estafa aos dous antigos responsables de Adegas Vinsa e a indemnizar con 451 081 euros a un empresario que colaboraba coa empresa como exportador de viños que entrou como socio nunha ampliación de capital.

Os xuíces consideran probado que os dous acusados, administradores da empresa entre os anos 1999 e 2003, falsearon as contas da entidade de común acordo nos exercicios de 1998, 1999, 2000 e 2001 e “ocultaron con falsos activos e beneficios o que non era senón unha grave situación de perdas”. “Maquillaron as perdas reais, substituíndoas por beneficios ficticios”.

Segundo o tribunal, os dous administradores fixeron ver a esta persoa “que existía unha próspera situación empresarial” e conseguiron convencelo para subscribir unha ampliación de capital de 451 081 euros entre 2001 e 2002. Só dous anos despois, as dificultades económicas polas que atravesaba a empresa derivaron na presentación dunha declaración de suspensión de pagos. A Xustiza acordou a liquidación da entidade en 2015 e a Deputación sacou a poxa as instalacións da firma en 2012 nun expediente de prema para liquidar débedas da mercantil, cunhas cargas e gravames de entidade. A empresa fora multada tres anos antes pola Xunta tras detectar, nunha inspección, a presenza de auga e alcohol engadidos a viños de mesa brancos e rosados destinados á exportación. A empresa tamén fora sancionada por defectos de etiquetado.

Os xuíces non atenderon o recurso dos dous acusados, que alegaron sen éxito que o suposto estafado coñecía as circunstancias contables da empresa. Os dous acusados sostiveron tamén sen éxito que non actuara con afán de enganar ao denunciante e un deles destacou o feito de que el mesmo perdera o seu investimento no proxecto empresarial.