Só Atocha secunda o chamado do PP para un concurso de redación sobre a Constitución

A candidata do PP (centro) e o voceiro conservador (dereita) nun acto en Atocha

Pouco eco tivo o chamado do PP a cantar as bondades da Constitución cun concurso de redación escolar a tenor do que os propios conservadores recoñecen no comunicado no que difunden o nome dos gañadores e o acto de entrega de premios. Segundo o PP, recibiron “medio centenar” de traballos procedentes do colexio de Atocha nun certame ao que “estaban convidados todos os centros educativos do municipio”.

O PP utilizará o festival de Nadal do colexio de Atocha- o único colexio privado de Betanzos- para entregar os premios. Agradecen ao colexio e ao alumnado a súa participación. Sara García Gómez, na categoría de Educación Primaria, e Martín Maceiras Fernández, na de Educación Secundaria, foron os gañadores.

O PP desliza no seu comunicado un reproche aos outros centros, ao asegurar que recibiran “medio centenar de redaccións” dos “escolares do colexio CPR Plurilingüe Nuestra Señora del Carmen-Atocha Betanzos”. Enfatizan que ao concurso “estaban invitados todos os centros educativos do municipio” e “animan” aos restantes centros “a que se sumen en próximas edicións”.