Servizos Sociais ofrece unha charla para presentar o servizo de apoio a persoas coidadoras

Servizos Sociais está nas Escolas do Asilo

A charla impartirase o próximo mércores 30 de maio ás 11:00 h na sala de usos múltiples de Servizos Sociais e está dirixida ás persoas, sobre todo mulleres, que son ou foron no pasado, coidadoras de persoas dependentes. A charla impartida por Fundación Mujeres abordará o Servizo de Apoio Integral a Coidadoras (SAIC), un proxecto innovador, que pretende mellorar a calidade de vida das persoas coidadoras, apoiándoas a minimizar as problemáticas das tarefas do coidado e mellorando as súas habilidades de autoestima, xestión do tempo, relaxación ou benestar emocional, entre outras. Este servizo, que conta con varias sesións de formación e apoio, desenvolverase nos próximos meses en Betanzos en colaboración co Concello e xa poden informarse as persoas interesadas en servizos sociais.

O mércores día 30 de maio contaremos coa presenza de María Hervada, é socióloga e técnica de intervención social e posúe unha ampla experiencia no deseño e desenvolvemento de accións formativas dirixidas a mulleres coidadoras. É unha das técnicas que traballan na Delegación de Galicia de Fundación Mujeres, e encargarase de presentarnos este proxecto.

Fundación Mujeres é unha organización sen ánimo de lucro que traballa desde o ano 1994 na posta en marcha de proxectos de intervención, nos diferentes ámbitos da participación social, política, económica e cultural, co obxectivo de lograr que a igualdade de oportunidades sexa real e efectiva.