Sen compromisos na reunión de Barral co Consorcio sobre o centro de día

O PP freou os trámites para emprazar un centro de día no antigo ambulatorio porque defende construílo no Carregal

A alcaldesa de Betanzos reuniuse onte co xerente do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar para demandarlle a apertura dun centro de día comarcal na cidade. “A día de hoxe é máis que necesario e foi tratado en varias ocasións vos últimos anos sen que ata agora puidese ser atendida” asegura a rexedora nun comunicado de prensa. Segundo a versión do executivo local- que logo do acontecido co proxecto de rehabilitación do Pasatempo e o suposto compromiso para redactalo por parte da Xunta é preciso poñer cando menos en dúbida- o xerente do ente teríase comprometido a estudar a demanda, advertindo de que a Consellería de Política Social non contempla a apertura de novos equipamientos.

Segundo o comunicado remitido polo gabinete de prensa do Concello, María Barral tería insistido como mellor emprazamento o antigo centro de saúde, que “dispón dunha superficie adecuada para o servizo”. “As dependencias xa foron, non seu día, ofrecidas á Xunta aínda que se optou por outras alternativas na zona do Carregal que non se concretaron”, abunda Barral, que abriu a porta a pregarse á exixencia do PP- minoritaria na Corporación mesmo na súa etapa de goberno- a emprazalo no Carregal, onde habería que comprar o solo para construílo logo de recalificalo.