O seis de agosto Betanzos elixirá novo alcalde

O pazo municipal

O vindeiro 6 de agosto a Corporación brigantina reunirase de maneira extraordinaria para elixir ao sucesor de Ramón García, que alegou motivos de saúde para dar o relevo a un ano da cita coas urnas. O PSOE anunciou onte que propoñerá a María Barral, actual alcaldesa en funcións, para ese posto, que revalidara en 2015 por ser a lista máis votada. Aínda que non se espera, un acordo entre outros grupos podería arrebatar o bastón de mando aos socialistas de sumar nove apoios- Betanzos Novo tentara facerse en 2015 coa alcaldía negociando a investidura do seu candidato co apoio do PP, se ben frustrou a operación a falta de acordo co edil electo en CxG, actualmente nunha formación tamén afín a En Marea.

O Boletín Oficial da Provincia publicou onte a delegación das funcións de Alcaldía en María Barral, número dous dos socialistas e actual regidora en funcións. O decreto, asinado polo xa exalcalde, dá conta da súa renuncia e acorda delegar en María Barral todas as funcións da Alcaldía desde o día da súa dimisión ata a celebración do pleno extraordinario para elixir ao seu sucesor.

Antes da sesión para designar novo alcalde, a Corporación celebrará antes un pleno ordinario. Será o vindeiro martes 31 de xullo e supoñerá a estrea de María Barral como alcaldesa, sen contar a sesión de cinco minutos que se celebrou a pasada semana para dar conta da renuncia de Ramón García.