Saen a concurso tres cuartas partes da Pescadería, baleira

A planta superior do mercado está chea de locais para asociacións

En 15 días hábiles, contados desde o día 2 deste mes, pois o primeiro foi a publicación do anuncio no Boletín Oficial da Provincia, as persoas interesadas en facerse cun posto no mercado municipal de abastos terán que presentar as súas propostas nas oficinas xerais do Concello, no Edificio Arquivo.

A licitación terá dous tipos de postos: por un lado os “destinados a peixe ou otros usos”, que son as pranchas números. 1, 2, 3, 4, 5, 15, 16, 17, 18, 19, 20, 21 e 22., con preferencia do peixe sobre o resto de mercadorías, que se adxudicarán a outros produtos caso de quedar vacantes. O outro tipo de posto é o definido no BOP como “destinados a froitas, verduras, carnes e embutidos, etc”, identificados como postos números 1, 3, 5, 6.

Para adxudicalos, unha “mesa de adxudicación” composta por “alcalde (ou do concelleiro en quen delegue), pola concelleira delegada de Comercio, polo concelleiro delegado de Facenda, polo interventor e mais polo secretario do Concello, actuando de secretaria un funcionario do Concello” puntuará as ofertas recibidas.
O baremo presenta criterios tan laxos como “situación laboral do interesado”, con ata 4 puntos, “condicións familiares do interesado”, con outros catro puntos máximos, interese da actividade na promoción do mercado” ou “valoración do proxecto presentado”, con catro máis cada un. En ningún momento se define nas bases que criterios, indicadores ou documentos se usarán para medir e cuantificar cada un destes criterios.

Outro dos criterios utilizados no baremo, realmente o máis detallado e obxectivo de todos tal e como figuran publicados no BOP, é o “empadroamento do interesado no Concello de Betanzos no momento da publicación da convocatoria”. Prémiase con dous puntos é resulta totalmente irregular utilizalo nos procedementos públicos de licitación ou selección de persoal, e mesmo ten provocado conflitos no Concello de Betanzos cando se recurriron disposicións que prevían este tipo de discriminacións.

Un mercado baleiro por falta de apoio público

Cos datos publicados no BOP o pasado 1 de outubro queda claro que o da Pescadería é un mercado en horas baixas onde, apenas, quedan catro praceiros. Recentemente o goberno local rotulou os postos ao xeito das peixerías das grandes superficies comerciais, e supliu cunha campaña da Xunta regalando camisolas e bolsas aos escasos clientes que quedan todo o apoio que o Concello debera dar a un elemento coma este. A ausencia de sinalización indicativa do propio mercado e a súa oferta ou a carencia de medios elementais para que funcione dignamente, como unha máquina de xeo que evite traelo do porto de Sada a diario para surtir os postos de peixe, lastran o seu dinamismo.

O BNG propón mellorar a Pescadería con máquina de xeo, sinalización e bolsas identificativas

Non deixa de ser un síntoma máis da política do goberno municipal co Casco Histórico en todos estes anos: rotúlase, ponse bonita a praza de abastos mentres non se atallan as verdadeiras necesidades e eivas para facela dinámica desde o punto de vista económico. No tinteiro, e varias veces aprobadas, iniciativas plenarias como complementar a súa oferta con mercados de tempada, antigüidades ou segunda man na praza contigua as fins de semana do verán para tirar por el, como propuxeron os nacionalistas.

O goberno local asume as melloras propostas polo BNG para a Pescadería