Sae a exposición pública a conta do Concello do pasado 2016

O BOP do pasado mércores publicou o anuncio polo que se pon en exposición pública a conta xeral de Betanzos correspondente ao pasado exercicio de 2016. Estará dispoñible “por un prazo de quince días, durante os que e oito máis quen se estimen interesados poderán presentar reclamacións, reparos ou observacións que teñan por convenientes” segundo o anuncio. Terán que ir ás oficinas municipais, pois o documento non está dispoñible no web de transparencia do Concello.

A Conta xeral é un conxunto de documentos e estados que a entidade local ten que elaborar ao final de cada ano para informar sobre a situación do patrimonio, é dicir, a situación dos bens e dereitos da entidade local, do seu financiamento e dos seus préstamos e débedas ao final do ano, os gastos, ingresos, beneficios e perdas da entidade local durante o ano ao que se refire a conta xeral. Tamén informa sobre como se executou o orzamento, é dicir, ofrece información sobre canto e en que se gastaron os recursos que se obtiveron nese ano, cantos recursos obtivéronse no ano e cales foron eses recursos e mais sobre a forma na que se realizaron eses gastos e ingresos.

Segundo o Ministerio de Facenda informa  a través do web Rendición de Cuentas, a conta xeral estará integrada polas contas anuais da entidade principal e das súas entidades dependentes . Os documentos que fundamentalmente ofrecen información sobre os resultados da actividade económica das entidades locais e das súas entidades dependentes son as contas anuais que están formadas polo balance de situación: reflicte a situación e variación do patrimonio, conta do resultado económico-patrimonial: reflicte os ingresos e gastos económicos e o seu resultado, liquidación do orzamento: reflicte a execución do orzamento dunha entidade local e a memoria: completa e aclara a información que se contén nos estados anteriores.

A rendición de contas é un acto administrativo mediante oque os responsables da xestión dos fondos públicos informan, xustifican e se responsabilizan da aplicación dos recursos postos á súa disposición nun exercicio económico. As entidades locais renderán ao Tribunal de Cuentas, antes do día 15 de outubro de cada ano, a Conta xeral correspondente ao exercicio económico anterior. Para isto, a lexislación prevé que a contabilidade municipal sexa rendida polo alcalde antes do 15 de maio do ano seguinte, a fin de que a Intervención forme a conta xeral e sexa sometida á Comisión Especial de Contas antes do 1 de xuño, para que sexa exposta 15 días e 8 máis para alegacións e logo vaia ao pleno para aprobación antes do 1 de otubro.

O anuncio que recolle o BOP do pasado mércores explica que a conta está en exposición logo de ser “debidamente informada pola Comisión Especial de Contas”, mais o alcalde omite a data en que tal paso se diu. O BNG denunciou, porén, que tanto a conta xeral como a liquidación foron rendidas cando ían bastante superados os prazos legais. Os nacionalistas indicaron que o executivo retiña a liquidación para reter a información aos grupos políticos mentres negociaba o orzamento con BN e BeC.