Rueda visita a asociación Mirabal para escenificar o compromiso do PP coa igualdade

Un instante da visita, co voceiro do PP á dereita en primeiro termo

Ecoan aínda na política as mobilizacións masivas en torno ao pasado 8 de marzo e o PP, que nun primeiro momento arremetera contra a folga feminista descualificándoa como machista e clasista quere agora subirse ao seu éxito. Sen escatimar medios. O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, puxo hoxe en valor o traballo fundamental que desenvolven as asociacións e entidades que axudan e apoian ás vítimas de violencia de xénero. Así o destacou esta mañá durante a súa visita ás instalacións da Asociación Mirabal en Betanzos, con quen a Administración autonómica vén mantendo unha colaboración fluída nos últimos anos. A Xunta, a través de distintas liñas de subvención, ten destinado algo máis de 81.000 euros nos últimos anos para apoiar a actividade desta entidade.

A Xunta mantén un firme compromiso coa loita contra a violencia de xénero, e por iso ten posto en marcha un amplo abano de medidas de cara á prevención e erradicación desta lacra. Entre outras, a Administración autonómica ofrece axudas directas, asesoramento psicolóxico, impulsa iniciativas de inserción laboral, e persónase como acción popular naqueles casos de violencia de xénero con resultado de morte.

Nesta tarefa, o Goberno galego aposta por colaborar estreitamente con todos os actores implicados, entre os que é moi relevante o papel de entidades especializadas como Mirabal, que prestan atención de calidade, acompañamento e actividades transversais para axudar ás vítimas.

Unha vez máis o voceiro do PP cólase nun acto da Xunta

Na visita, ademais de Rueda e persoal do seu gabinete, estaba a concelleira de Servizos Sociais, xa que o local é cedido polo Concello. Colouse, tanto nas instantáneas como na visita, sen ter ningunha responsabilidade, o voceiro do PP no Concello. Non é a primeira vez que o PP, utilizando o goberno galego como unha panca de promoción electoral, coloca neste tipo de actos a Rodríguez Prieto para darlle visibilidade e perfil de goberno.