Roteiro literario: dez paradas con Manuel María en Betanzos

En 2016 a Real Academia decidiu homenaxear a Manuel María no Día das Letras Galegas, un poeta moi vencellado á nosa cidade cuxa relación repasamos en forma dun pequeno itinerario cultural. De Outeiro de Rei á Coruña, aos baños de mar, antes da autovía era obrigado o paso por Betanzos. Tal debeu ser así a vez primeira que Manuel María viua nosa cidade nos seus anos máis novos. Naceu así unha estreita relación que durou toda unha vida. O poeta explica que en agradecemento ás tardes de gozo que a nosa cidade lle deu, “como non tiñamos outra cousa que ofrecerlle, deixámoslle un molliño de versos pra decirlle o noso amor pois a língoa do amor é sempre musical e poética”.

Condensar en dez instantáneas a intensa relación entre cidade e poeta é deixar fóra de seguro referencias en poemas, contos ou artigos. Un atrevemento que á forza resulta simplista e simplificador, para o que seguiremos para isto unha orde aleatoria, a medio camiño entre a xeografía e a orde cronolóxica.

1- A guía

Toda viaxe que se precie de tal precisa dunha guía, para que o viaxeiro lector coñeza detalles e mesmo anécdotas dos lugares que visita. A nosa viaxe ao Betanzos de Manuel María tamén ten a súa guía, nun artigo publicado no Anuario Brigantino polo seu amigo o historiador Xesús Torres. Quen queira anécdotas e máis datos da relación entre o chairego e a nosa cidade non pode deixar de mirala. Aquí a tes en PDF.

2- A paisaxe

A fascinación pola paisaxe que rodea a nosa cidade é unha constante nos poemas que o creador chairego dedica á nosa cidade, e tamén nos seus relatos en prosa- hainos, poden consultarse na biblioteca municipal Castelao. A ría, as vistas desde A Angustia, os ríos… atraen a atención do poeta. Só na súa “Canción de amor a Betanzos”, que recibiu o terceiro premio nos Xogos Florais betanceiros de 1960 (que gañou Salvador García Bodaño), atopamos xa nos versos todo un cadro desta paisaxe:

“Betanzos dos Cabaleiros, nobrísima Cidade,
que dormes sinaldeira- dous río a arrolarte-
e que escoitas, pensativa, o bruído do mar:

O Mendo e o Mandeo, mansos, soios e calados,
que nas túas ondas levan a andadura do boi:

E esa néboa túa, sotil, que pesa e doi:
¿púxolle un fino veo de tul ás túas entranas?

o ouro das túas cúpulas, das vides e do lúpulo;
o medo, que por vegadas, sintes de ti mesma
cando falas contigo e ollas muda, solprendida
a túa fonda e rica inmensidade pecha, a latexar”

Noutro poema, “Canto a Betanzos” o poeta debúxanos unha “Betanzoss erguida sempre cara o ceo,/tentando voar deica o máis outo” situada ás “sombras dos bidos e amieiros,/ piñeiros, castiñeiros e carballos”.

3- O medievo

O calexón das curuxas está entre o pazo de Bendaña e a torre municipal

Non só o medievo das pedras, o Casco Histórico ou o sartego de Fernán Pérez de Andrade, están presentes na obra de Manuel María. Tamén está o medievo humano, os poetas Pero Amigo de Sevilha ou Pero de Ambroa, a soldadeira María Péres que tamén salta aos seus relatos en prosa, os Andrade,… a referencia ao medievo é tamén a referencia ao idioma, como deixa claro ao citar ao traductor Fernán Martíns. Na “Canción de amor a Betanzos” atopamos eses versiños alusivos a ese medievo humano:

Dame a delicada voz dos teus vellos poetas:
¿onde o son vagamundo daquel Pero de Ambroa?
¿Trobará agora ante os bieitos, perto a Deus,
o tenro Pero Amigo? E dime ¿lembras con garimo
a Fernán Pérez de Andrade, o Boo, nobre cabaleiro,
que quixo descansar pra sempre no teu seo…?

4- O pobo

Non só os persoeiros de relumbrón chamaron a atención a Manuel María nas súas visitas á nosa cidade. Os barrios populares e os oficios menos lustrosos aparecen tamén nos versos dun poeta cunha clara vertente social na súa obra. O “Canto a Betanzos” trae unha pequena homenaxe neste sentido:

“O Peirao
está coa saudade morta doutro tempo
de rexos e valentes mariñeiros
que enchían, con música e con viño,
os seus rincóns escuros, cheos de sombra”

5- O Liceo do Edificio Arquivo

A presentación terá lugar no Salón Azul do Edificio Arquivo

Desde que nos anos 50 empezou a frecuentar a nosa cidade na compaña de outros grandes das letras nacionais como Uxío Novoneyra ou Avilés de Taramancos convidados polo rexedor fascista Tomás Dapena, Manuel María foi asiduo dos recitais e certames poéticos que se celebraron na nosa cidade. Moitos deles tiveron por escenario o edificio nacido para Arquivo do Reino, mais outros foron no Cine Capitol ou no claustro do convento de San Domingos. No Edificio Arquivo, ademais, en 1993 fixo de padriño para a presentación da Asociación Cultural Eira Vella.

Ao vello pazo da memoria tamén se referiu o poeta no seu “Canto a Betanzos”, presentado tamén aos Xogos Florais que precisamente nas estancias da fábrica que ía para Arquivo do Reino se celebraban:

“¡Ou nobre pazo do Arquivo de Galicia
que en vez de documentos e dipromas
arquivas, entre as paredes das túas salas,
a ledicia das festas do Liceo…!”

6- O balcón municipal

Do Edificio Arquivo saíu Manuel María co resto da comitiva o 14 de agosto de 1999 para pronunciar, desde o balcón do Pazo Municipal, o pregón das festas de San Roque daquel ano, no que citou a Otero Pedraio, Cunqueiro ou Lugrís, e reivindicou o idioma propio a través de María a Balteira, afirmando que “a lingoa é o noso meirande ben cultural. Perdela sería un atentado contra a beleza e empobrecer o mundo e a Cultura”. Concluía asegurando que “para nós Betanzos -como Florencia, Compostela, Lisboa- é a perfección. Unha cidade que os poetas cantaron, amaron e aman fondamente”.

7- O viño

Viñedo na volta do Penso, tras a ponte de madeira

Un poema enteiro de fasquía neotrovadoresca presentado aos Xogos Florais dedica Manuel María ao viño de Betanzos, “que ten a cor da i-alma”. Tal debeu de ser motivo para resultar elixido pregoeiro da desaparecida Festa do Viño en 1993. Xunto á reivindicación dos trobeiros brigantinos medievais o chairego cita ao persa Omar Khayyam, Cunqueiro, Manuel Machado ou Lugrís. Pechouno, precisamente a súa “Loa ao Viño de Betanzos”.

Os caldos danlle ao autor para navegar, visitar as barras e deterse nas adegas. Unha das últimas visitas públicas de Manuel María á nosa cidade foi, precisamente, en calidade de Roi Xordo, o presidente da Irmandade dos Viños Galegos.

“Eu quixera ser, amiga, mariñeiro
pra navegar sempre no viño betanceiro
que ten a cor da i-alba”

8- Os Caneiros

Embarcacións nos peiraos da Ponte Vella

“Gracias á romería dos Caneiros é posible beber o viño do inefable e alonxarnos da morte. Quen vive esta romería, coa sensibilidade desperta e os sentidos alertados, seguirá sempre, sempre devalando nas barcas dos Caneiros betanceiros: O paraiso máis perfecto do que o ser humano pode disfrutar neste mundo”. É o remate que Manuel María deu ao seu pregón das festas patronais de 1999. Encerra toda unha maneira de vivir e sentir a romaría.

Unha romaría que cautivou ao vate desde as súas visitas á nosa cidade nos anos 50 até o final. A soidade do campo dos Caneiros é unha das imaxes da nosa cidade que cautivou ao chairego. O Mandeo métese dalgún xeito en todas as páxinas que dedica á nosa cidade. “Dame, Betanzos, a túa fonda señardá de Cidade;/ a escintilante e acesa paganía dos Caneiros” pedía en 1960 a través da “Canción de amor a Betanzos”.

“¡Que festa pró espírito ollar ó lonxe
o campo, orfo e deserto, dos Caneiros
coa soidá da ledicia, outa e pagán,
que brinca, polo Agosto, no seu céspede!”

9- A súa rúa

Volvendo dos Caneiros precisamente está a rúa que o Concello de Betanzos dedicou a Manuel María aos poucos meses do seu pasamento, a iniciativa dos nacionalistas. Agre debate no que o PP descualificou ao creador chairego e no que asegurou que se lle dedicaba a rúa por ser do BNG. Aínda este ano, nas proximidades do 17 de maio, os nacionalistas reclamaron nova e infructuosamente unha vez máis que a dereita se desculpase daquelas palabras.

Unha rúa que permaneceu sen identificar ata este ano precisamente, en que se colocou, sen máis, a placa nomeándoa a raíz dunha reportaxe publicada por Xornal de Betanzos.

10- A torre do Campo

A torre, ao fondo, afeando o Campo

A antítese de todo canto Manuel María atopaba en Betanzos foi atopala o poeta, ironicamente, tamén en Betanzos. E non deixou pasar gratuitamente a presenza do “rañaceos” que lle dá á nosa cidade “un aspecto brutal de maroutallo”. “Bárbaro” é o adxectivo que dedica a quen “chantou” o edificio da Torre a carón do Arquivo do Reino. Así, a cidade que sería “gala, semente e flor do femenino” vese agredida polo rañaceos “tal un falo impúdico, xigante/ e monstruoso”. Quen sabe se a zunia con que a voceira do PP arremeteu contra o poeta cando se lle dedicou a rúa era debida a estar emparentada co constructor do edificio.

Betanzos fermosísima, leda, xentil,
carne de soño e de pureza,
alfaia de precio na coroa
do antiquísimo reino de Galiza,
increíbel cidade, Orvieto noso,
gala, semente e flor do femenino:
¿que bárbaro foi o que chantou,
na mitade de tí, o rañaceos
—tal un falo impúdico, xigante
e monstruoso— que cha dá
un aspecto brutal de maroutallo?