Retiran broza e aseguran diversos elementos do Pasatempo

O frontal da gruta da Recoleta sen broza e coa controvertida pasarela en primeiro termo. Imaxe de Amigos do Pasatempo

O Concello realizou unha serie de traballos de apontoamento e limpeza no xardín histórico do Pasatempo, que ten xa a categoría de BIC provisionalmente ata que finalice a tramitación do expediente, segundo constatou a Asociación de Amigos do Pastempo. Os traballos comezaron polo templete do estanque do Retiro, un dos enclaves máis singulares do parque. Os operarios municipais instalaron un soporte provisional para aliviar o peso que soportan os piares do templete tras alertar a Asociación Amigos do Pasatempo do risco de desprendementos pola aparición de fendas e advertir do risco de colapso do conxunto.

O Concello avanzou onte que durante os próximos días baleirará o estanque para analizar o seu estado de conservación. Durante as últimas semanas executou tamén labores de limpeza que sacaron á luz algúns elementos do parque que levaban anos cubertos pola vegetación. As labores de roce permiten contemplar a reconstrución do desaparecido mirador chinesco, así como relevos ocultos durante anos en diversos lugares do parque, como a icónica gruta de Recoleta. O Concello mellorou tamén o acceso a algunhas das grutas e eliminou os vidros rotos do que fora invernadoiro do viveiro municipal ubicado por anos no último nivel do parque e logo aula da natureza.

A entidade celebra que o executivo local atense á fin parte das súas reivindicacións. O colectivo convocou nos últimos anos varias quedadas para realizar traballos de limpeza e retirada de maleza e realizou unhas alegacións á declaración de BIC para incrementar a súa protección, en sintonía coas que presentou o BNG e opostas ás feitas polo goberno local.