Requiren a 200 propietarios que limpen parcelas cheas de broza

A Consellería de Medio Rural adiantou un mes (ata o 31 de maio) a data tope para que os propietarios limpen as leiras próximas a vivendas e núcleos urbanos, con perigo de multas de ata 3000 euros. Os concellos, que segundo a lei de prevención de incendios son responsables da limpeza das faixas de protección dos núcleos, aceleraron tamén para evitar situacións como as do pasado verán.

Así, o goberno local de Betanzos remitiun un comunicado asegurando que requiriu a 200 propietarios de parcelas que as limpen, advertindo que de non limpar os predios nun prazo de quince días desde que reciben o requirimiento abriráselles un expediente sancionador con multas de 1.00 a 10.000 euros en aplicación da Lei de Prevención e Defensa contra Incendios Forestais de Galicia. Son terreos en zonas rurais e urbanas, que están en estado de abandono como denunciaron veciños ou de oficio os servizos municipais.