Reaccións dos grupos políticos diante da dimisión de García

Ramón García, coa súa sucesora, María Barral, o responsábel comarcal do PSOE, Diego Fernández e o Presidente da Deputación

Os grupos políticos con representación no noso concello fixeron pública onte a través das redes sociais a súa reacción diante do anuncio de dimisión de Ramón García. O primeiro en facelo foi o Partido Popular, a través do seu perfil oficial nas redes sociais limitouse a un escueto “Esperamos que tenga una pronta mejoría y recupere la salud”.

Pola súa banda o BNG publicou tamén no perfil oficial nas redes da organización “Desde a discrepancia ideolóxica, desexamoslle ao exalcalde que se recupere pronto dos seus problemas de saúde.  Ábrese agora un tempo novo, unha oportunidade para levarmos a cabo unha política de esquerdas, lonxe do clientelismo, da falta de transparencia e das privatizacións dos últimos anos. Unha oportunidade para Betanzos desde a posta en valor do noso patrimonio polo ben da maioría das veciñas de Betanzos”. Mensaxe na que xa falaba algo máis a fondo da súa análise da acción de goberno do alcalde e da alternativa que o BNG leva anos propoñendo. Na mesma liña se manifestaba o portavoz dos nacionalistas desde o seu perfil nas redes.

Ningunha das dúas mareas betanceiras, Betanzos Novo e Betanzos en común, fixo declaración ningunha nos seus perfís oficiais nas redes e só o concelleiro de BeC, Alberte Muíño, no seu perfil persoal fixo un comentario agradecéndolle ao exalcalde o seu trato persoal cara a el.