Ramón García anuncia a súa dimisión como alcalde, Barral alcaldesa en funcións

O alcalde, Ramón García, e a concelleira de cultura, María Barral

O alcalde de Betanzos, Ramón García, acaba de anunciar en rolda de prensa a súa dimisión. Rexedor desde 2011, García leva na Corporación desde que en 1987 entrou de concelleiro da man de Manuel Lagares, do que foi estreito colaborador e cuxo papel á fronte do PSOE asumiu logo de que o pacto PP-CxB arrebatase aos socialistas o bastón de mando.

Segundo explicou o rexedor, problemas de saúde, por unha afección broncopulmonar, precipitaron a decisión, que fará efectiva de maneira inmediata. García explicou que delegará todas as súas atribucións na primeira tenenta de alcalde, a concelleira de Servizos Sociais e Cultura María Barral, que exercerá xa como rexedora en funcións ata que o pleno tome coñecemento da renuncia do edil máis veterano da Corporación e invista ao novo alcalde de Betanzos, posto para o que a primeira tenenta de alcalde sona con forza.

Acompañado do presidente da Deputación e líder provincial do PSOE, Valentín Formoso, e do alcalde de Pontedeume, que arrebatou ao socialismo betanceiro o escano do partido xudicial de Betanzos que lles corresponde, o aínda rexedor desfíxose en agradecementos a toda a Corporación “desde as diferencias” e ao persoal municipal. Retírase tras sete anos no cargo e máis de trinta como membro de todas as Corporacións municipais desde 1987.